Por Xosé Glez. | Vigo | 26/02/2022
Non vou entrar nos miúdos das cantidades económicas destinadas ao fomento da lingua galega, por non ser obxecto desta colaboración periodística, pero si nos criterios que poderían establecerse para que a execución dos orzamentos destinados ao fomento do tecido empresarial e de emprego multiplicasen a presenza da lingua galega noutros espazos agora vedados.
Antes de sinalar como se poderían reorientar algunhas das execucións económicas previstas e fundamentar mellor a proposta que pretendo expoñer, quero aludir ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación parlamentaria no ano 2004. Porque unha proposta lexislativa de tal magnitude deseñaba a presenza da lingua galega en todos os eidos da vida social, institucional e económica. A súa pretensión era superar un modelo de política lingüística reducida á mínima expresión facéndoa máis tranversal, como medida axeitada para garantirlle á lingua galega todos os espazos de uso que deica entón estiveran limitados aos literarios e educativos.
O diagnóstico do PXNL aludido acerta de cheo cando recoñece a débil presenza do galego nunha parte importante do proceso económico sinalando os diverdos sectores: industrial, agrícola, comercial e cooperativismo, propoñendo para todos eles iniciativas correctoras que garanten a visibilidade do idioma galego neses ámbitos reservados en exclusiva para o castelán.
No organigrama da Xunta de Galicia hai organismos específicos que teñen como misión o fomento do tecido económico coas correspondentes partidas orzamentarias destinadas a conceder subvencións e avais para a posta en marcha de iniciativas empresariais. O Igape, Xesgalicia e a Axencia Galega de Calidade Ambiental, que “promoven investimentos para xeraren riqueza e crear emprego a través do apoio financieiro á implanmtación de proxectos empresariais, favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio”. Un desenvolvemento equilibrado, coido eu que tería que ser matizado, recoñecendo como destinatarios ás persoas, que teñen unha cultura e lingua de seu.
Entendemos que para superarmos o marco diglósico que reduce o prestixio social do galego, a Presidencia da Xunta de Galicia debería ditar unha normativa para que as asignacións das subvencións con cargo a eses fondos económicos estivesen suxeitas ao cumprimento de cláusulas nas que se especifique a obrigatoriedade de adoptar un marco de medidas, tales como a utilización do galego na sinalética das instalacións industriais, na publicidade e etiquetaxe dos produtos, e no recoñecemento explícito dos dereitos lingüísticos dos usuarios e consumidores, asi como os dos traballadores inserindo nos convenios colectivos un artigo recoñecéndolles o amparo para poderen utilizar a lingua galega nas relacións coas administracións das empresas, facendo posible que o seu uso se extendan aos documentos laborais que os vinculen (contratos, nóminas…), cando os interesados o soliciten.
A viabilidade da proposta ten perfecto encadre a teor da xurisprudencia ditada en 1986 polo Tribunal Constitucional, resolvendo recursos de inconstitucionalidade contra as leis de normalización lingüística. A aplicación do principio de discriminación positiva a prol das linguas minorizadas debe ser un obxectivo prioritario para conseguir que a igualdade lingüística sexa real e efectiva. A maiores: no noso ordenamento xurídico, autonómico e estatal, hai textos lexislativos que amparan os dereitos lingüísticos e o fomento dunha das linguas cooficiais, o galego, que convive en desigualdade respecto do castelán.
A aplicación das medidas propostas suporían un reforzo considerable de efectivos para a normalización lingüística. Abonda con aplicar moitas das propostas sinaladas no devandito PXNL, e a vontade de accións pedagóxicas para abrirlle novos espazos de uso ao noso idioma.
Cómpre que a Xunta de Galicia opte pola transversalidade na súa política lingüística con medidas innovadoras que mobilicen ao empresariado a asumiren o noso feito diferencial, aplicando os criterios de definen a Responsabilidade Social Corporativa. O IGAPE e entidades afíns son imprescindibles para a consecución deses obxectivos.
Non quero excluír da responsabilidade que teñen neste proceso.
ás centrais sindicais e consumidores. Uns e outros son decisivos. Abondaría con que fosen máis activos en cadansúa esfera laboral e social.