Por admin | GC ABERTO | 01/03/2022
Os lingüistas falan dos falsos amigos, aquelas palavras da mesma factura que, porén, teñen significados moi diverxentes. Fernando Venâncio, no seu interesante livro Así naceu unha
lingua. Sobre as orixes do portugués, desvélanos a verba logro como exemplo de falsos amigos entre portugués e español. Logro, proveniente do latín lucro, que tamén deu lucro, en español significa éxito mentres que en portugués é fraude.
Impresiona especialmente o exemplo do latín plicare, eis dobrar. Del derivan o portugués e galego chegar e o español llegar. Parece q a explicación é que, ao se acadar o porto de destino, se dava a orde Plicare! para dobrar as velas. Só que, no romanés, o mesmo verbo deu pleca co significado de partir.
Namentres eu me ilustrava con estes falsos amigos, a televisión seguía instalada no monotema da semana, ese que é quen de apagar o galanteo leonés entre os populares e os ultras de Vox. Ámbolos dous veñen de acadar o logro/lucro nas elecións. Deixo á escolla do lector ficar coa versión española de éxito ou a portuguesa de fraude. De calquera xeito o estourido leonés chegou ao cerne da bicefalia popular central facendo que outros falsos amigos ergan as vellas liortas polo poder, unha escusada man interna remexa documentos dobrados, do latín plicare que como xa dixemos é chegar en galego e llegar en español.
O tándem Casado-Ayuso deixa de pedalear xunto e entra nunha batalla de logros coa versión portuguesa de fraude da mascarada do irmán da presi madrileña ou coa versión española de éxito do capitán Casado, aínda asegurado no leme da nao.
Ninguén ventava hai uns días que aquel presi do noroeste, sempre tan renegado da capital do reino, aquel das sonadas fotos naqueloutra nao co narco Marcial Dorado, dera a orde de plicare, de dobrar as velas, quen sabe se para chegar ou se para partir. Ao fin, todo depende dende onde se albisque o panorama político.
Xa en política, xa en lingüística, abrollan sempre os falsos amigos.
IOLANDA TEIXEIRO REI
FERROL
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.