Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/03/2022 | Actualizada ás 13:19
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará ao veterinario Juan Rof Codina como "Científico Galego do Ano", decisión que se anunciou no acto de apertura do curso académico 2022 o pasado 22 de febreiro.
A RAGC valorou detidamente a figura de Rof Codina e salientou a súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.
Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 6 de outubro co gallo do "Día da Ciencia en Galicia", programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.
Juan Rof Codina foi un dos principais impulsores da veterinaria en España. Terceiro fillo dunha modesta familia catalá, na que seu pai, Pablo Rof Xirinachs, tiña un taller de ferrería e de labores de cerralleiro, Rof viuse obrigado a deixar a escola para axudalo no taller.
Animado pola súa nai, Micaela Codina Portillo, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria, traballando primeiramente de mancebo nunha farmacia para costearse os seus gastos.
Obtivo o posto de tenente veterinario militar en 1898 e foi destinado a Lugo, onde naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor neste ámbito foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concepción Carballo Lameiro.
Xunto a outros técnicos agropecuarios da época, Rof Codina traballou arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.