Por Galicia Confidencial | Carballo | 14/03/2022 | Actualizada ás 12:10
Enel Green Power España, S.L.U. prevé instalar 4 macroeólicos de 200 metros de altura no Monte Neme. A Xunta xa autorizou e puxo en exposición pública este proxecto ata o 22 de abril deste ano. As instalacións afectan directamente a cauces como a Fonte Seca, orixe do rego Bandeira, onde se atoparon restos cerámicos e a sonada “arracada” de Cances, unha xoia de ouro galaica da Idade de Ferro.
Por iso, ata 25 entidades e asociacións de todo tipo piden a retirada deste proxecto eólico polo impacto paisaxístico e patrimonial "inasumible" e solicitan aos concellos de Carballo e de Malpica de Bergantiños que fagan o mesmo.
Nun comunicado conxunto, lembran que o Monte Neme é un dos 74 xacementos romanos da costa ártabra nunca intervidos desde o punto de vista arqueolóxico. Así o confirma unha tese doutoral do ano 2019 de María Josefa Loira Enriquez sobre “O proceso de romanización do antigo territorio dos ártabros: formas de poboamento e organización territorial ao longo do periodo romano”.
Ademais do valor patrimonial, destacan que o Monte Neme é un excelente mirador ao Atlántico, desde onde se observa todo o municipio de Malpica e boa parte de Carballo. Desde algún dos seus puntos máis elevados pódese ver incluso ata Ferrol. Cos seus 386 metros, este monte é visible desde calquer punto o territorio carballés. "Por iso o impacto paisaxístico dos macroeólicos previstos por Endesa será brutal para unha comarca que vive do turismo e da paisaxe", apuntan.
TURISMO
"Carballo, que se vende turísticamente como Senda do Mar xa pode chamarse agora Senda dos Eólicos”, critica. Así, din que haberá un gran impacto paisaxistico sobre praias como Pedra do Sal, Razo –Baldaio, Leira e Santa Mariña ocupan case 7 km de costa, xunto con pequenas calas como a de Montefonte. A praia de Razo – Baldaio con 5 km de lonxitude é un dos areais máis fermosos de Galicia aos que hai que engadir o alto valor ecosistémico da Rede Natura, no complexo marismeño –lagunar de Baldaio.
Critican que Endesa tamen obvia a importancia da arqueoloxía da paisaxe no Monte Neme, xa que este monte está na liña visual directa con outros como o Monte Perrol ou o Pico de Meda. Ademais, está rodeado por 4 castros: o Castro de Oza, Castro do Rodo, Castro de Cances e Castro de Brión.
"O proxecto de Endesa obvia todos os impactos paisaxísticos e patrimoniais do Monte Neme e incluso prevé unha liña evacuación que, superando todas as expectativas do que o malo pode ser incluso peor, contempla unha lonxitude e 15 km con 64 apoios e afeccións irreversibles para a Rede Natura ZEC Río Anllóns, á Área de Especial Interés Paisaxístico (AEIP) Val fluvial do río Lourido, á Carballeira de Sta. Mariña do Remuíño e ao Camiño de Santiago Vía Céltica ao seu paso polo val fluvial", critican.
Entre os asinantes están:
Plataforma Monte Neme de Carballo e Malpica de Bergantiños
Asociación ambiental Petón do Lobo
Comité pola Defensa das Rías Altas
Asociación galega Cova Crea
Plataforma non máis eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural
Asociación “O Ouriol do Anllóns”
Plataforma veciñal O Cerqueiral de Coristanco
Plataforma veciñal “As Salgueiras” de Ponteceso
Sindicato Labrego Galego
Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra (Asociación Senda Nova, Asociación Contramínate de Laxe, Asociación de Veciños de Cereo, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños...etc.)
Ecoloxistas en Acción Ortegal
Colectivo Apeom de Outes
Plataforma Quijote
Ecoloxistas en Acción Costa da Morte
Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde en Lugo
Plataforma Stop eolicos de Paradela
Movimento Ecoloxista da Limia
Asociación Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo
Plataforma veciñal Monfero Di Non
Plademar Muros-Noia
Ecoloxistas en Acción Lugo
Plataforma Salvemos O Iribio
Asociación en Defensa da Costa da Morte (Adecom)
Plataforma Mina de Touro Non
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.