O Parlamento demanda axudas económicas para a frota de pescada sur como as anunciadas para o Mediterráneo

Na Comisión de Pesca, a Cámara deu luz verde, por unanimidade, a esta petición do Grupo Popular. O deputado José Manuel Balseiro (PP) criticou o "agravio comparativo entre as frotas españolas cometido polo Goberno de Pedro Sánchez".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O Parlamento galego demandou ao Goberno central que se articule unha liña de axudas para a frota de pescada sur do mesmo xeito que as anunciadas para compensar as perdas económicas dos pesqueiros de arrastre do Mediterráneo.

Na Comisión de Pesca, a Cámara deu luz verde, por unanimidade, a esta petición do Grupo Popular. O deputado José Manuel Balseiro (PP) criticou o "agravio comparativo entre as frotas españolas cometido polo Goberno de Pedro Sánchez". En detalle, alerta de que Galicia asumirá o 63% do impacto dos recortes acordados para a frota comunitaria, que suporá un impacto de 16 millóns de euros.

"O resultado do acordo sobre as posibilidades de captura para a frota comunitaria en 2022 é verdadeiramente escaso e limitado para Galicia e tradúcese en recortes para as especies de maior interese comercial ou estabilidade das cotas nas especies complementarias ou accesorias", lamenta.

En concreto, sinala que o impacto destes recortes nas cotas do Cantábrico Noroeste e en augas de Francia engádese ao xa sufrido polas rebaixas de anos anteriores, como as de 2021 que se cifran en 26 millóns de euros. "E puido ser aínda peor se España non fixese valer os informes socioeconómicos elaborados pola Xunta", apunta.

"Para compensar esta redución de cotas, o Ministerio de Pesca permite que a frota do Mediterráneo acceda a axudas europeas", sinala o deputado popular. "Pedimos que se trate en igualdade de condicións a todas as frotas nacionais", agrega.

REPRESENTACIÓN DE MULLERES EN ÓRGANOS PESQUEIROS

Por outra banda, o Parlamento galego instou a Xunta, por unanimidade --a proposta do PSdeG--, a adoptar as medidas necesarias para promover e facilitar o acceso de mulleres a órganos de dirección, representación e organización no sector pesqueiro galego.

A deputada socialista Patricia Otero defendeu a necesidade de atallar a "invisibilidade" das mulleres nos órganos pesqueiros, unha iniciativa que recolle as inquietudes da asociación Abrandares Salgadas, xa que "seguen tendo unha moi baixa representación". Pon de exemplo que, dos 63 patróns maiores de confrarías, só hai cinco mulleres.

Comisión de Pesca. PARLAMENTO
Comisión de Pesca. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta