Por E.P. | OURENSE | 21/03/2022 | Actualizada ás 17:34
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, puxo en valor este luns a figura de Florencio Delgado Gurriarán, "poeta singular" na longa tradición literaria de Galicia, a quen se dedica ese ano o Día das Letras Galegas, e a quen recoñeceu nun acto celebrado no Carballiño con motivo do Día Mundial da Poesía.
Román Rodríguez destacou a visión deste autor ourensán, que "entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares" e, ao mesmo tempo como "unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego".
O conselleiro destacou, no acto que tivo lugar na 'Insua dos Poetas', que a poesía permite "a preservación do patrimonio cultural dun pobo, pero tamén do seu patrimonio emocional". Así mesmo, referiuse ao "dinamismo" da poesía galega, un xénero "vivo", coa publicación de case un centenar de novidades editoriais cada ano. Segundo o titular autonómico de Cultura, nos actuais "momentos convulsos", "é máis necesario que nunca apoiar todas as manifestacións artísticas e pór en valor o seu compoñente emocional".
Na conmemoración con motivo do Día Mundial da Poesía participaron tamén o presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.