Impotencia no sector lácteo: “Cando tirei o leite sentín decepción, ves o teu salario marchar”

A suba dos custos de produción xunto co paro do transporte colocan a industria láctea nunha situación "límite" que ve como a viabilidade do sector queda en entredito.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O sector gandeiro sabe ben o que son as crises, mais nunca viviu unha coma esta, na que confluíran tantas dificultades. Á suba sostida dos custos de produción nos últimos meses e intensificada a raíz do conflito en Ucraína, súmase tamén un paro no transporte que está detendo a recollida do leite e o traballo nas plantas galegas. O pasado fin de semana, Evangelina Neira, gandeira da comarca de Ordes, deixou correr o leite do tanque de frío ao chan por primeira vez en case 40 anos que leva traballados no sector. "Sentes decepción porque ves o teu salario marchar", explica ao teléfono, "pero, que vas facer? Cando non tes outra alternativa, nin atopas nese momento como darllo a alguén, veste obrigada a tiralo".

Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo

A Neira, a multinacional Lactalis avisouna un día antes de que a recollida cesaba porque ás fábricas non estaba chegando o material necesario para continuar a actividade. "Está todo descontrolado", explica esta gandeira, "non é culpa deles nin nosa". De feito, se ben o habitual é que a empresa recolla o leite ás dez e media da mañá, nunha destas xornadas o camión chegou á súa explotación en torno as tres da madrugada. "Veñen a esas horas para esquivar as caravanas. Imaxínate un camión do leite no medio de cen camións. Imposible propoñerse chegar á fábrica despois de facer todo o percorrido", indica Neira. 

O PARO DO TRANSPORTE NAS GRANXAS

Este mesmo martes, o conselleiro delegado de Lactalis alertaba de que a empresa está recollendo tan só o 25% dos oito millóns de litros de leite que se producen ao día en Galicia. "As vacas non teñen unha billa que poidamos pechar, e tampouco podemos ter o leite nas fábricas, posto que necesita da súa elaboración e ten unha caducidade moi limitada", agregaba Ignacio Elola. "Cada día elabóranse, só en Galicia, máis de 6 millóns de litros de leite de vaca, o que equivale a dúas piscinas olímpicas. Se non podemos recollelos, perdemos ao día 2,5 millóns de euros. A situación na gandaría e na industria é crítica”, concluía.

O paro no sector do transporte convocado pola Plataforma para la Defensa del Transporte de Mercancías por Carretera Nacional e Internacional, que non forma parte do Comité Nacional de Transporte por Estrada que ten interlocución co Ministerio, "obstaculiza a circulación de camións con materiais necesarios para o envasado e elaboración do leite" e provoca "a inmovilización do produto terminado dentro das plantas", explica Lactalis, que esixe "diálogo" para frear un paro que está afectando con especial intensidade sectores clave da economía galega. 

Durante estes días, transportistas que non se adheriron ao paro e que preferiron seguir traballando precisaron mesmo de escoltas policiais para desenvolver o seu traballo; e como non se trata dunha folga, senón dun paro, non existen os servizos mínimos que impidan o "colapso" dos diferentes sectores. Como medida de presión, este martes cinco organizacións agrarias e 25 concellos gandeiros, entre eles Mesía, onde se empraza a explotación de Evangelina Neira, pediron por carta á ministra de Transportes, Raquel Sánchez, que abra unha liña de diálogo co sector de transportistas que, no caso galego, está conformado por pequenos e medianos empresarios que se atopan --segundo se sinala nas misivas-- nunha "situación insustentable derivada da alza dos prezos dos combustibles". 

MAIOR AUTOSUFICIENCIA, MENOS IMPACTO

Se ás plantas de leite non chegan os plásticos, o papel, o cartón, os palés ou os ingredientes para elaborar e envasar o produto, ás explotacións gandeiras tampouco o fan os pensos ou cereais para alimentar as vacas. Días atrás, Xaquín López, outro gandeiro da mesma comarca relataba a Galicia Confidencial que tiña o millo contado para unha semana, se ben coñecía veciñanza que quedaría desabastecida en menos días se o transporte non chegaba.

No caso da explotación de Evangelina, que conta en torno a 16 vacas, a súa maior autosuficiencia ampáraos algo máis, se cabe, do choque desta crise. "Traballamos moito terreo de xentes que abandonaron, intentamos coller moita forraxe, comprar o menos penso posible e manter as vacas máis ben coa alimentación que nós mesmos producimos. As grandes explotacións, moitas veces, plantan eucaliptos e importan a forraxe. Se nós fixeramos así, ao nivel delas, xa estariamos acabados hai moito", explica. 

Xustamente a diminución da dependencia do sector ao mercado internacional e a ampliación da base territorial das explotacións son demandas que Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego ou Federación Rural Galega (FRUGA) poñen enriba da mesa de cara a conseguir unha maior autosuficiencia da economía primaria galega. Segundo indica o SLG, Galicia leva perdendo superficie agraria últil desde hai trinta anos. "Temos ao redor dun 21% de SAU, unha das porcentaxes máis baixas de Europa". Fronte a esta realidade, estas demandas empatan cunha petición de aposta pola soberanía alimentaria e enerxética como "pedras angulares" para resolver esta crise. 

FACTURAS DESORBITADAS

Sexan pequenas ou grandes, nas explotacións gandeiras, primeiro elo da cadea, esta situación vívese con "incerteza" e "decepción". Levan tempo sufrindo un incremento acelerado de custos de produción que non atopan correspondencia no prezo do leite. "Segue sendo moi limitado, tirando a perdas, e por riba acósante con outros gastos", expón Neira. "A luz duplícase, os pensos levan catro meses subindo, encher un depósito de gasoil de 1.000 litros é máis do dobre de caro ca antes... Pero o leite queda no mesmo prezo. O pouco que podías sacar para facer outras cousas lévancho por completo". 

Polo momento, Neira non ten falta de abastecemento de pensos, pero asegura que "apurou" a secar algunhas vacas para non se pillar os dedos. Como tamén recoñeceron outros gandeiros estes días, ela está botando man aos aforros para cubrir todos os custos. "Polo que podemos sacar hoxe, case vería máis viable pechar. Non compensa", explica, "pero vas termando a ver se te aproximas á xubilación".

Ante una situación coma esta, na que moitas persoas en activo se ven ao bordo do peche, a viabilidade do sector gandeiro mesmo a curto prazo queda en entredito. Dende o Sindicato Labrego Galego denuncian, de feito, que a xente moza con proxectos agrarios "ten dificultades para acceder á terra". "Non hai ningún tipo de apoio fóra de grandes anuncios", indica Isabel Vilalba, que pide axudas directas a quen está en activo e que os prezos que chegan ás granxas cubran os custos de produción. "A Lei da Cadea existe sobre o papel pero na realidade non aporta as solucións que o sector precisa", sinala.

Evangelina Neira advirte que se non se toman medidas urxentes, ve complicados os próximos meses, e pide, ademais, valorar o traballo do sector e, en concreto, das pequenas explotacións gandeiras. "Fas o teu labor con mimo, coidas as vacas con esmero. Déixalas que coman herba, coma toda a vida. Podemos estar un tempo tirando ao límite, pero isto ten que coller algunha traza xa", sentenza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta