"É pura demagoxia dicir que o problema do transporte se resolve cun paro indefinido"

Amaña o acordo do Goberno os problemas que sofre o transporte? Dende Fegatramer, que non secundou o paro, explican que as medidas teñen que ser "transversais" a todos os sectores económicos; e desde Ascentra, que si estivo nas mobilizacións, aseguran que "hai temas no acordo aínda non concretados".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Goberno e o Comité Nacional de Transporte por Carretera, órgano no que non está incluída a chamada Plataforma Nacional convocante do paro, alcanzaron na madrugada deste venres un acordo que implica unha rebaixa de 20 céntimos por litro o combustible, aplicable ata o 30 de xuño, e medidas por un total de 1.050 millóns de euros, máis do dobre da bonificación de 500 millóns que ofrecía o Goberno inicialmente. Ademais, o acordo inclúe o compromiso do Ministerio de Transportes de presentar un proxecto de lei que asegure "unha utilización xusta da subcontratanción e a rendibilidade" do emprego.

Varios camións parados na beiravía nun dos accesos ao Polígono do CEAO, nunha folga indefinida do transporte de mercadorías
Varios camións parados na beiravía nun dos accesos ao Polígono do CEAO, nunha folga indefinida do transporte de mercadorías | Fonte: Europa Press

Se ben na mesa de negociación o acordo se tomou "por unanimidade" entre as organizacións con representación para a interlocución co Goberno, nas rúas e sobre todo nas redes, quen prendeu a mecha dos paros desístese a apagala. Tras a renuncia desa Plataforma a desconvocar o paro, pódese dicir que o cese da actividade por parte dese sector de transportistas vai camiño do día número trece, tempo no que tiveron lugar colapsos nas estradas e desabastecementos no resto de sectores da economía galega, que viron parada a distribución de materias primas e mercadorías necesarias para levar a cabo a actividade. 

Ao paro convocado pola Plataforma Nacional, que ten "especial" impacto en Galicia, fóronse sumando aos poucos outras organizacións, pero as entidades con maior representación mantéñense na aposta ao diálogo e no rexeitamento ao cesamento organizado. Este é, por exemplo, o posicionamento tomado por Fegatramer, unha das maiores organizacións galegas do sector do transporte, que denuncia que "pensar que o problema do transporte se soluciona cun paro indefinido é pura demagoxia"

UN PROBLEMA ESTRUTURAL

As dificultades que carrexa o sector do transporte responden a un "fenómeno complexo", explica o seu secretario xeral, Jose Carlos García Cumplido. "En realidade non somos nós os que deberiamos ter un problema. O problema téñeno as empresas que producen todo tipo de manufacturas, que teñen que mover mercadorías e que non son quen de pagar os custos que hoxe implica realmente transportar", sinala, posto que os incrementos dos prezos do combustible fan que os traballadores saian á estrada "a perdas". Desta maneira, García apunta a cargadores, aquelas empresas que contratan os servizos de transporte, como os responsables de facérense cargo deste aumento dos custes.

Decenas de camións concentrados no polígono Costa Vella de Santiago, antes de saír á marcha durante o oitavo día de paro indefinido no sector do transporte, a 21 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O sect. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Decenas de camións concentrados no polígono Costa Vella de Santiago, antes de saír á marcha durante o oitavo día de paro indefinido no sector do transporte, a 21 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O sect. Álvaro Ballesteros - Europa Press

De feito, explica que as bonificacións impulsadas polo Goberno para tentar atallar a problemática, en realidade, non benefician o sector do transporte senón as empresas cargadoras: "elas son as beneficiadas desta redución. Porque quen ten que pagar a viaxe de Santiago a Madrid é o señor cargador que ten un produto para transportar". Por iso mesmo, di, "sorpréndeme que todo este paro se dirixa exclusivamente ao Goberno e non aos cargadores, e sorpréndeme que os cargadores se limiten a dicir que non teñen servizo de transporte. Hai un paro, si, pero para ter servizo de transporte hai que pagalo", expón.

Segundo García, a problemática vai máis alá do sector do transporte e implica toda a economía produtiva galega, que non é quen de soportar os custos disparados dos produtos enerxéticos, e en particular, do gasoil. Polo tanto, se ben o transporte é dos que primeiros sectores que sufren o impacto desta crise ao ser "esa sabia que move todo", García sostén que as medidas teñen que ir destinadas a que sexa viable economicamente producir. Para iso, as políticas impulsadas deben ser, explica, "transversais" para solucionar o problema que están a sufrir todos os sectores económicos.

POLÍTICA ENERXÉTICA E ESTRUTURA EMPRESARIAL

 

Máis alá das medidas acordadas no curto prazo e de aplicación "transitoria", o secretario xeral de Fegatramer apunta, ademais, outras dúas cuestións de fondo: a necesidade de resolver "un problema de estrutura na política enerxética deste país" e a importancia de promover mudanzas na propia "estrutura empresarial", algo que afecta de xeito "xeral" a todos os sectores.

 

Cada empresa en Galicia ten unha media de 3,5 camións. "Por desgraza", di, "practicamente non hai multinacionais". "Ao sermos, na meirande parte, autónomos e pequenas empresas, cando chegan crises coma estas, non hai marxe de subsistencia. Unha gran empresa, cando ten unha crise, é capaz de absorver perdas; mais un pequeno empresario ou autónomo, se ten perdas, non come", explica. "Necesitamos adoptar medidas que modifiquen a estrutura do sector para que se reduza este minifundismo empresarial e se poña nos seus xustos termos". 

 

A GUERRA UCRAÍNA, DETONANTE FINAL

 

As problemáticas do sector do transporte, caracterizado por altos niveis de subcontratación e sostido por gran cantidade de persoas autónomas - ou falsas autónomas -, estouparon a raíz da guerra ucraína, pero levan tempo causando estragos nos petos dos traballadores. O pasado decembro, de feito, a Confederación Española del Transporte de Mercancías (CETM) e a Federación Nacional de Asociaciones de Transporte de España (Fenadismer) xa ameazaran cun paro patronal en plena campaña de Nadal.

 

Foi un real decreto por parte do Goberno -e que non entrou en vigo ata o 1 de marzo- quen conseguiu manter a situación máis calma. Nel incluíanse mecanismos importantes para o desenvolvemento do sector como a cláusula obrigatoria de revisión de prezos en función da evolución do prezo do gasóleo, a publicación semanal do índice de prezos do gasoil, a aplicación de sancións ás empresas que excedan un prazo máximo de pago de 60 días ou o pago das paralizacións de máis dunha hora. "Son medidas moi importantes que protexen os pequenos empresarios", explica García, que saúda tamén a última medida do Goberno para reducir o custo do gasoil, aínda que considera que "debera estar adoptada xa hai semanas". 

 

De feito, indica que en Galicia, o paro xa tiña incidencia antes de ter sido convocado pola Plataforma Nacional. "Moitas empresas pararan como consecuencia do peche de Alcoa, Vestas, a redución da actividade en Stellantis Vigo e en certas electrointensivas, e todo isto xuntouse ao incremento do prezo do gasoil". Por iso, García pide "non confundir" a necesidade de parar porque o cargador non paga un prezo suficiente cun "respaldo a un paro convocado por unha plataforma". "Hai motivacións e intereses moi distintos dependendo de quen sexan os empresarios implicados", remarca.

Fegatramer foi das entidades que desde o comezo considerou paro indefinido como "un erro". Se ben deixa claro que respecta o dereito a parar, considera que "é un problema engadido máis ca unha solución, posto que o único que se consegue é que os nosos clientes e as nosas empresas se arruínen", sinala. Sobre a Plataforma Nacional convocante, García Cumplido incide en que "non foi quen, desde 2008, de presentar a documentación necesaria para acreditar a representación mínima que se esixe a unha organización nacional para estar no Comité Nacional de Transportes. Non sabemos quen está realmente detrás e ninguén coñece quen interga a súa xunta directiva", explica, máis alá do seu presidente, Manuel Hernández. 

García pide, igualmente, rematar coas formas de proceder "violentas" contra quen si desexa traballar. "Sofren coaccións, picadas de rodas e mangueiras, reciben pedradas nos camións. Este mecanismo de coacción é inadmisible. Somos empresarios e cada un ten que tomar a decisión de parar ou non segundo os seus intereses. Hai que respectalo", sentenza. 

CARANAVAS NAS ESTRADAS

Outras asociacións, pola contra, si decidiron sumarse ao paro como medida de protesta nestes días. É o caso de Ascentra, que dende o interior das mobilizacións, traslada que "non había ningún tipo de coordinación" por parte da nomeada Plataforma. "Era un timón á deriva", explica Antonio Señarís, tamén presidente de Fetram, que este mesmo venres se mantiña no paro porque, segundo di, "hai medidas de interese, pero temas como a fixación dos descontos do gasóleo xera dúbidas, non vén ben concretado". 

Señarís defende que o sector "está facendo unhas reivindicacións lóxicas" e denuncia que fosen tachados por parte do Goberno como "ultradereitistas e fascistas". E é que este conflito está sendo especialmente politizado por uns e outros, e capitalizado, logo, por parte da extrema dereita. Agora, Ascentra asegura que esperará as explicacións que dean desde a Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer), que forma parte da mesa constituída entre o Goberno e o sector do transporte, para tomar unha decisión sobre o levantamento ou non do paro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta