Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 15:26
A Deputación da Coruña apagará este sábado, entre as 20,30 e as 21,30 horas, a iluminación interior e exterior do Pazo Provincial para sumarse á iniciativa da Hora do Planeta, promovida por WWF para sensibilizar sobre o cambio climático.
A institución provincial destacou nun comunicado que mostran así o seu "compromiso ambiental", compromiso que ratifican co "financiamento de numerosos proxectos de fomento das enerxías renovables, mellora da eficiencia enerxética e mobilidade sustentable" nos municipios da provincia.
CASE DOUS MILLÓNS DE EUROS A OBRAS EN ESTRADAS
Doutra banda, o pleno provincial aprobou por unanimidade este venres investimentos por máis de 1,7 millóns de euros para acondicionar e mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais DP-1601 de Ponte do Porto a Camelle (en Camariñas), DP-2104 de Carral a Meirama e a creación dun paso peatronal na DP-4803 de Miño a Pontedeume.
Entre os proxectos de Vías e Obras, destacaron os 1,1 millóns de euros para a construción do paso peonil, con máis de tres quilómetros e dous metros de ancho, entre Miño e Pontedeume. A este respecto lembran que non existe agora mesmo ningunha infraestrutura habilitada para peóns. Os traballos contarán cun prazo de execución de catro meses.
A ampliación da ponte sobre o río Castro na DP-2104 de Carral a Meirama, enmarcada no paquete de melloras das estradas provinciais, está valorada en 440.094 euros, cos que se executará unha pequena variante de trazado cunha lonxitude de 300 metros para salvar o río Castro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.