Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 28/03/2022 | Actualizada ás 19:29
O premio Nobel de Química David MacMillan visitou este luns Pontevedra para participar nun coloquio co alumnado do instituto Sánchez Cantón e asinou no libro de honra da cidade sinalando que en Galicia se sente "como en casa". O investigador, nado en Escocia, foi recibido no seu despacho polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen agradeceu a invitación para visitar a cidade.
"Sempre me sinto como en casa en Galicia pola súa herdanza celta e pola súa xente acolledora e xenerosa", escribiu o científico. "Sempre regresarei a esta fermosa parte do mundo para poder seguir aprendendo sobre ciencia, comida e xenerosidade" reza a dedicatoria do premio Nobel de Química 2021 no libro de honra de Pontevedra.
MacMillan gañou xunto a Benjamin List o Premio Nobel de Química do ano 2021 polo descubrimento dunha ferramenta para a construción de moléculas, a organocatálise asimétrica.
A capacidade para fabricar moléculas é fundamental no progreso da humanidade. Para iso son claves os chamados 'catalizadores', unhas substancias que controlan e aceleran as reaccións químicas, sen ser parte do produto final. Durante moito tempo pensouse que só había dous tipos de catalizadores, ata que David MacMillan e Benjamin List descubriron a terceira vía da organocatálise asimétrica
A visita de McMillan foi promovida pola profesora de Física e Química do IES Sánchez Cantón, Beatriz Trillo, en colaboración coa Universidade de Compostela (USC). O alumnado de Bacharelato e o Club de Ciencia tiveron a oportunidade de establecer un coloquio co científico.
O químico participará esta semana en diversas actividades de divulgación promovidas pola USC dentro do programa '100 anos de estudos en Química', así como no décimo aniversario do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.