Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 12:16
Ecoloxistas en Acción vén de presentar unha denuncia nos Xulgados da Coruña polo "grave impacto ambiental" que, explican, está causando a explotación da canteira propiedade de Francisco Gómez, dono da mina de Touro, nas Somozas.
A organización ecoloxista pide que se depuren responsabilidades penais e alerta dun posible delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, así como presuntos delitos de prevaricación, nas "continuadas infraccións cometidas pola empresa mineira". Ecoloxistas en Acción acusa a empresa de "verteduras e arrastres" producidos desde a explotación mineira ata a Zona de Especial Conservación do Río Xuvia, espazo natural integrado na Rede Natura 2000.
Por iso, e ante a "pasividade da administración", Ecoloxistas en Acción denuncia á empresa titular da canteira das Viñas, situada no concello das Somozas, ante o xulgado. O seu responsable é Francisco Gómez, que, segundo explica Ecoloxistas en Acción, está detrás da mineira Explotaciones Gallegas, responsable xunto con Atalaya Mining da mina de Touro.
A organización ecoloxista explica que a canteira se atopa nunha "situación irregular", dado que a concesionaria orixinaria, CUIÑA S.A., nunca comezou a actividade. Neste sentido, a lexislación indica que no momento no que pasan máis de 6 anos sen actividade desde a aprobación da Declaración de Efecto Ambiental (DEA), que data de 1996, esta vira nula. Porén, segundo Exoloxistas en Acción, o xefe de servizo de minas da Xunta na Coruña considera vixente a antiga DEA, de maneira que "exime a nova concesionaria, que adquiriu os dereitos mineiros durante a liquidación concursal, de realizar a necesaria avaliación do impacto ambiental causado pola súa explotación mineira".
A organización ecoloxista alerta tamén que a empresa mineira está "incumprindo" as medidas de seguridade e protección ambiental, posto que "non construíu a balsa de decantación prevista no proxecto, de tal forma que non hai ningún sistema de recollida das augas de escorrentía". Isto provoca, expón a organización, que en días de chuvias os lodos dos residuos mineiros rematen nos regatos próximos que, a súa vez, desembocan no río Xuvia, espazo protexido da Rede Natura 2000.
Ecoloxistas en Acción lembra que esta situación foi denunciada en diversas ocasións pola Asociación de Veciños A Cañota ante Augas de Galicia, a administración de minas e o concello das Somozas. Tamén alcaldes de varios concellos da zona mostraron a súa preocupación pola problemática que supoñen os vertidos da explotación mineira. Con todo, "ata o momento", di a organización ecoloxista, non se realizou actuación ningunha para paliar a situación.
É por iso que, ante o "desleixo da administración galega" na protección ambiental, Ecoloxistas en Acción cursou denuncia por presuntos delitos contra o medio ambiente e os recursos naturais contra a actual empresa explotadora da canteira e de prevaricación ambiental contra o funcionariado que puido "infrinxir a lexislación". Ecoloxistas en Acción denuncia, ademais, o "carácter sistemático" deste tipo de irregularidades nas explotacións mineiras da Coruña e demanda da Xunta que "deixe de ser cómplice".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.