Galicia escolariza a 150 refuxiados ucraínos: "o principal problema está no idioma"

A Xunta presume da "rápida" integración dos menores no sistema educativo á par que pide fondos ao Goberno para soster o proceso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Un total de 150 menores ucraínos xa se atopan escolarizados en centros de Galicia, segundo confirmou este mércores o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que avanzou que a Xunta trasladará esta tarde ao Goberno central a necesidade de que apoie economicamente ás comunidades para sufragar os gastos derivados desta asistencia.

Así o explicou Román Rodríguez, tras un acto en Santiago, ao ser preguntado polas cuestións que Galicia levará este mércores ao a Conferencia Sectorial de Educación convocada para abordar a situación e as necesidades específicas dos menores ucraínos escolarizados en España despois de fuxir da guerra no seu país, como consecuencia da invasión de Rusia o pasado mes de febreiro.

O conselleiro asegurou que Galicia "facilitou a escolarización e a integración" destes nenos "desde o minuto cero" e destacou que xa son da contorna de 150 os menores escolarizados en aulas galegas, a maior parte en Primaria e algúns deles en Secundaria.

Tras un "procedemento exprés" para acelerar a escolarización dos nenos refuxiados, así como para dotalos de transporte, comedor ou acceso a novas tecnoloxías, a Xunta comezou a traballar nun "plan específico que se sustenta en subministración de servizos básicos e medidas de integración educativa", apuntou Rodríguez. Dentro da conferencia sectorial, Galicia porá sobre a mesa que todo este proceso "leva carrexado un esforzo económico" que "o Goberno do Estado vai compensar". Así, proporanse "medidas compensatorias" a este investimento.

Román Rodríguez lembrou que esta é unha situación complexa, xa que os nenos "chegan despois dunha situación de tensión moi profunda", sen coñecer o idioma, e atópanse "esparexidos pola xeografía galega", o que dificulta o acceso aos recursos. Un dos elementos que xera unha maior problemática é o idioma, xa que "hai déficit de profesores que coñezan ucraíno", dado que nas escolas oficiais de idiomas "hai profesores de ruso", pero non destoutra lingua. No entanto, apuntou, "está a darse unha boa resposta por parte do sistema".

Un grupo de tres nenos refuxiados ucraínos á súa chegada desde un autobús con 47 persoas ucraínas, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un grupo de tres nenos refuxiados ucraínos á súa chegada desde un autobús con 47 persoas ucraínas, en Santiago de Compostela. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta