O Supremo tumba unha orde da Xunta e recoñece o dereito a cobrar complemento de carreira sen esixir funcionarización

A CIG destaca que o Goberno galego ten dous meses para executar a sentenza e incluír a todo o persoal que cumpra os requisitos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo (TS) avalou un fallo da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a orde da Xunta de 2019 de confección de nóminas, de forma que recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra con requisitos de anos de servizo e formación, sen esixir funcionarización.

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta | Fonte: Europa Press

No fallo, con data de 30 de marzo de 2022, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo acorda a inadmisión a trámite do recurso da Xunta porque xa se pronunciou noutras ocasións con atención ao que en xaneiro deste ano xa sentenciara o TSXG.

O fallo do TSXG atendía un recurso da CIG e decidía anular todos os preceptos da orde que foron impugnados por contrarios ao ordenamento xurídico. A Sala entendía que esta orde vulnera o dereito á igualdade e non discriminación do persoal laboral da Xunta ao impedir participar no sistema de carreira profesional, privándolle do seu dereito á promoción profesional.

A orde impugnada excluía do acceso ao grao I do sistema de carreira ao persoal laboral fixo que non presentase a solicitude de funcionarización ou non superase o proceso.

A CIG sinala que a Xunta ten agora dous meses para executar a sentenza e incluír a todo o persoal que cumpra os requisitos, sexa funcionario de carreira ou persoal interino ou laboral, no ámbito subxectivo do primeiro grao extraordinario.

Aínda que algúns empregados comezaron a cobrar, "incluídos os atrasos", porque as sentenzas individuais foron máis adiantadas, este pronunciamento serve "xa con carácter xeral para quen cumpra os requisitos que xa se estableceron para o persoal funcionario de carreira".

A CIG-Administración Autonómica móstrase disposta a negociar con Función Pública as modificacións necesarias para dar este dereito a quen ata agora se lle denegara. "Non esquecemos tampouco que a Xunta suspendeu unilateralmente o dereito ao cobro do grao II, polo que non imos admitir que se negocie unha cousa sen pór en marcha a outra", sostén o sindicato. Urxe a "que se poñan a traballar e senten a negociar sen esgotar o prazo que obrigue a solicitar a execución de sentenza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta