O PP négase a facer máis vivenda pública: "non vai solucionar os problemas dos galegos"

O presidente do Parlamento tenta "silenciar" as críticas ao PP nun pleno tenso e marcado polas acusacións do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2022 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará acusou ao PP de que "a súa alternativa é gobernar e branquear á ultradereita", o que "xa o están facendo en Castela e León, en Madrid, en Andalucía", a través de "unha axenda antigalega, machista, xenófoba". Estas palabras provocaron unha rifa no Pleno do Parlamento, con queixas airadas por parte da bancada popular, á vez que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, emprazou a Bará a retirar as palabras de "machista" e "xenófoba". Ante a negativa do deputado nacionalista a emendarse, o dirixente do PPdeG quitou esas mencións do diario de sesións e fíxolle unha chamada á orde.

Na súa toma da palabra, Santalices xustificou esta decisión en que "hai algunhas palabras que ofenden a dignidade dun grupo". "Eu milito, para ben ou para mal, nese grupo e síntome ofendido (...) son o presidente, pero son do Grupo Parlamentario Popular, que son os que me votaron", defende. Este debate tivo lugar con motivo dunha proposta do Bloque que emprazaba á Xunta a establecer a gratuidade das autovías de titularidade autonómica, AG-55 e AG-57, de maneira temporal mentres persista o actual contexto de subida de prezos. Os populares tombaron cos seus votos a proposta.

Así, Bará ha sinala que, "na política, ás veces hai que escoller entre o malo e o peor: vostedes son o peor para Galicia e para as clases traballadoras", dixo aos populares. Remarca que o PP pasou á oposición en España porque tivo "unha condena de corrupción". "Ían vender a sede de Madrid, agora o novo equipo supoño que xa vai seguir en Génova 13, xa está contento alí", arremeteu.

CRÍTICAS A SANTALICES

Posteriormente, a deputada Alexandra Fernández censurou a postura do presidente do Parlamento galego, ao que avisou que "non pode silenciar" as críticas ao PP, que "non só está a comprar a axenda da extrema dereita, senón que se está negando a posibilidade de que se denuncie a violencia machista", porque "cando o presidente (Feijóo) nega a violencia vicaria está a negar a violencia machista". "Non o imos a aceptar", deixa claro.

"Non somos nin machistas nin xenófobos", afirmou Teresa Egerique (PPdeG). A Alexandra Fernández lembroulle o seu paso polas mareas, mentres di que "o número un do seu partido", en alusión a Pablo Iglesias, dixo que "a azoutaría ata que sangrase" (en referencia a unhas mensaxes filtradas sobre Mariló Montero).

Vista xeral do Parlamento Galego a 13 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral do Parlamento Galego a 13 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press

NEGATIVA A AMPLIAR A VIVENDA PÚBLICA

Nesta proposición non de lei, o Bloque defendía unha proposta para realizar un plan co que establecer a vivenda pública a desenvolver nos polígonos de Navia, en Vigo. A iniciativa tamén foi vetada polos populares, segundo Egerique porque é un "canto de serea" que "non vai liquidar os problemas de vivenda dos galegos".

A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou que Alberto Núñez Feijóo "botou o freo" á creación de vivenda pública en Galicia, con cifras "vergoñosas" como só dúas vivendas deste tipo en 2018. Acusa o presidente da Xunta de que "imita tal cal o modelo de Thatcher" de atacar á vivenda pública.

Pola súa banda, Noelia Otero (PSdeG) denunciou que, a data de 4 de abril, había un total de 16.388 persoas inscritas no rexistro único de demandantes de vivenda, dos que case 6.000 están na cidade de Vigo. Unha situación que a deputada socialista achaca ao "colapso" pola "ausencia absoluta de políticas públicas en materia de vivenda" por parte da Xunta de Galicia.

POBO XITANO

Na mesma xornada, o Parlamento de Galicia apelou a evitar desde as institucións, administracións e entidades galegas que o "contexto de dificultades" asociado ás consecuencias da pandemia e a crise pola guerra de Ucraína supoña un freo aos avances sociais logrados para o Pobo Xitano en Galicia, España e Europa.

Así figura nunha declaración institucional aprobada polos grupos que conforman o Lexislativo galego con motivo da celebración este 8 de abril do Día Internacional do Pobo Xitano, que conmemora o 1º Congreso Mundial Xitano, do que se cumpren 51 anos este 2022. A Cámara autonómica incide no compromiso da sociedade galega coa consecución da "plena igualdade" dos xitanos "desde o recoñecemento da diversidade e o valor da identidade cultural propia", que forma parte dunha historia e cultura "compartida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Non entendo para que serven os diarios de sesións se quen preside a cámara pode manipular o que din os seus integrantes. O lóxico e que todo ficara refrexado tal cual, foran sabidurías ou parvadas. Sería a única forma que as xeacións futuras puideran valorar por se mesmas, sen censuras, o que realmente aconteceu neses órganos. Eu entendo que ao PP e, claro, ao Santalices non lle guste a liberdade de expresión dos demais; sobre todo cando falan deles. Son neofranquistas, aínda que tenten disimulalo.