O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presidirá este mércores, 6 de abril, o acto de corte de chapa en Navantia Ferrol para a primeira das fragatas da serie F-110 que o estaleiro naval público executará na ría de Ferrol.
O acto está programado para as 11,30 horas e o corte de chapa está considerado como un dos fitos á hora da construción dun buque, tras a firma do contrato e paso previo á colación da quilla e botadura, ademais da posterior entrega ao seu armador ou propietario, neste caso o Ministerio de Defensa.
O corte de chapa para a que será a primeira fragata da nova serie para a Armada Española pospúxose en ata dúas ocasións, debido aos problemas de axenda do xefe do Executivo español, que mostraron o seu interese por estar presente neste acto, unha presenza que non é habitual por parte dun presidente do Goberno.
Segundo as fontes consultadas por Europa Press, a este acto de corte de chapa, que se realizará nun dos talleres do estaleiro de Ferrol, tamén foron convidados representantes do Goberno da Xunta, ao que acudirá o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; xunto con outros representantes como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, ademais dos máximos responsables da empresa naval pública pertencente á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).