Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2022 | Actualizada ás 20:57
O profesor da USC José Tubío acaba de ser recoñecido na modalidade dirixida a talentos emerxentes do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal.
O tamén investigador do centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) recibe este galardón pola súa "contribución en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro".
Desde 2016, Tubío dirixe o grupo Xenomas e enfermidade do CiMUS, integrado por unha vintena de persoas investigadoras. "Foi unha sorpresa, este premio é un recoñecemento ao traballo que levamos anos desenvolvendo na primeira liña da loita contra o cancro e aos descubrimentos máis relevantes no ámbito da xenómica desta enfermidade", afirmou o profesor Tubío ao coñecer esta concesión.
"Eu son a cara visible dun grupo integrado por 20 investigadores, este galardón vén recoñecer a traxectoria deste equipo", remarcou o profesor e investigador. O grupo Xenomas e enfermidade está especializado en identificar os procesos e mecanismos que causan as mutacións que necesitan as células cancerígenas para sobrevivir e crecer. O aspecto máis destacado da súa investigación son os estudos do ADN móbil, é dicir, do material xenético capaz de moverse a diferentes partes dun xenoma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.