Sucesión Feijóo: Tellado afirma que non haberá "gran lea" pero evita confirmar a Rueda

Di que a elección será polo Comité Executivo para os próximos tres anos de mandato ou que se convoque un congreso, ordinario ou extraordinario.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/04/2022 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e recentemente nomeado vicesecretario de organización do PP por Alberto Núñez Feijóo, asegurou, respecto da sucesión en Galicia, que non haberá "unha gran lea" e que, "aínda que son lexítimas as ambicións de todo o mundo", a prioridade é "ser útiles a Galicia". "Se pomos o interese xeral por encima de intereses particulares, acertaremos", comentou.

Nunha entrevista concedida este mércores a Onda Cero e recollida por Europa Press, Tellado remitiu aos estatutos, onde está prevista "a resolución destes temas", polo que "ninguén debe esperar unha gran lea, máis ben o contrario". Respecto dos nomes que soan para suceder a Feijóo, o popular recoñeceu que "hai moitísimos preparados e con experiencia que poderían asumir o cargo", pero sinalou que aínda deben "falar para atopar a mellor solución".

A este respecto, Tellado remarcou que continuarán na liña do "encargo realizado polos galegos", a "estabilidade política". "Iso fíxose nos últimos 13 anos, nestes últimos dous e queremos que siga así nos dous seguintes e máis adiante", incidiu.

O secretario explicou que, para pór en marcha o proceso --que probablemente arranque "nas próximas semanas"--, existen dúas posibilidades: que o Comité Executivo elixa o presidente do partido para os próximos tres anos de mandato ou que se convoque un congreso, ordinario ou extraordinario.

"Aínda non falamos. Levamos un mes frenético. Nas próximas semanas poremos en marcha un mecanismo que nos permita coñecer que é o que pensa o partido e executar unha solución", sinalou, ademais de matizar que "todo o mundo estivo á altura, foi prudente".

"UNHA NOVA CARGA", MÁIS QUE UN NOVO CARGO

Doutra banda, en canto ao novo cargo recentemente asumido como responsable de organización territorial, Tellado comentou que "máis que recoñecemento", trátase dunha "nova responsabilidade". "Trátase dun partido tan grande, con tanta presenza territorial, que non asumo un cargo, senón unha nova carga. O que espero é non cometer moitos erros e ser útil a un partido que debe ser a alternativa ao Goberno de Sánchez", apuntou.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado / PPdeG.   / Europa Press
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado / PPdeG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta