Por Emilio Martinez | Compostela | 21/04/2022
Xuño de 1941, as tropas hitlerianas invaden a Unión Soviética, comeza a Operación Barbarroxa. En novembro dese ano están as portas de Moscova. Antes, en setembro, Leningrado fora sitiado. A exército alemán, que contarían co apoio da División Azul española, non pretendeu nunca tomar a cidade, querían rendela por fame. En agosto do ano seguinte Stalingrado é unha cidade na que se combate palmo a palmo, unha cidade que non se rende. Naqueles días a esperanza era un soño.
Francia, Holanda, Noruega, Grecia, Dinamarca, Iugoslavia, Polonia, Checoslovaquia... rendéronse os exércitos, pero o pobo nunca se rendeu. Nun e noutro sitio a xente do común tomou as armas na clandestinidade: chamáronse guerrilleiros, partisanos, resistencia... Mestres, obreiros, amas de casa, vendedores de prensa, tendeiros... foron os que mantiveron acesa a chama da liberdade cando todo era escuridade. Moitos pagaron coa súa vida.
No verán de 1940, cando Europa sufría a agresión nazi, un grupo de estudantes da prestíxiosa universidade de Yale fundou o America First Comittee que tiña por obxectivo mobilizar á opinión pública contra a implicación de Estados Unidos na guerra. A organización que facía da neutralidade a súa bandeira estaba enchida de ultraconservadores e filonazis, a neutralidade era o disfrazo co que ocultaban as súas simpatías pola Alemaña nazi e a súa forma de apoiala. O seu obxectivo: deixar illados aos que resistían na vella Europa.
Debería ter Reino Unido negociado coa Alemaña nazi?. Debería terse pregado Stalin aos desexos do Adolfo Hitler?. Deberían ter asumido a súa derrota os franceses, checos, polacos, belgas..., e deixar que o seu destino fora escollido na sede do Partido Nacional Socialista Alemán?. Estaban todos eles equivocados e quen levaba razón eran os colaboracionistas, os que se fixeron mais nazis que os nazis para gañar puntos ante o novo amo, os que delataron aos seus veciños xudeus ou comunistas para caer en gracia?. Estaba Petain no certo e o intelixente era chegar a un acordo co opresor?.
Pensade en todo o sufrimento que terían aforrado. Seguro que se terían salvado moitas vidas. Non as dos xudeus, non as dos comunistas, seguramente tampouco a dos homosexuais nin as dos xitanos, pero algunha si, ao mellor poucas, pero algunha si. Os nazis escravizarían os pobos eslavos, pero en fin... todo sería pola paz, pola amizade, pola negociación, por chegar a acordos...
Soa ridículo, non vos parece?. A min si.
Os líderes que en 1940, en 1941 non cederon ante a agresión nazi eran conscientes das consecuencias. Tamén eran conscientes do coste das súas decisións as persoas de a pé que se unían á resistencia. O facían porque sabían que renderse non era unha opción. Sabían que negociar non era unha opción. Porque non se negocia cos nazis.
O que estaba tan claro para aquelas mulleres e aqueles homes hoxe, para unha parte da esquerda, non o está.
Ione Belarra, ministra de Podemos, Pablo Iglesias, Jeremy Corbyn, exlider laborista británico, Noam Chomsky, o expresidente de Ecuador Rafael Correa, o exministro grego Yanis Varoufakis, asinan estes días un manifesto pola paz: “Peace Now”, apostan, din, pola vía diplomática para poñer fin á agresión rusa en Ucraína... que bonito, que verbas tan valeiras, que felicidade para Vladimir Putin. Piden a paz, pero queren que os ucraínos se rendan. Así de claro, non se atreven a dicilo de forma directa, pero tampouco se esforzan moito en ocultalo. Queren que Ucraína faga fronte ao invasor ruso coas mans núas. Queren que os deixemos solos.
Ante unha agresión imperialista a esquerda non pode permanecer neutral, ten que poñerse a carón do agredido.
Estes días lía o libro que Pablo Iglesias acaba de publicar, “Verdades a la cara” (Editorial Navona, 2022), nun dos capítulos reproduce un extracto do discurso que pronunciou en Madrid o 31 de xaneiro de 2015, ao remate da Marcha do Cambio, alí dicía o seguinte:
“Hai que soñar, pero soñamos tomándonos moi en serio os nosos soños. A Porta do Sol, outra vez símbolo de futuro, de cambio, de dignidade e de valor. 2 de maio de 1808: non foron os reis nin os xenerais nin os brillantes rexementos do Pazo Real os que se opuxeron á invasión. Foi o pobo de Madrid, ese que hoxe está na rúa con nos, o que mercou con sacrificio a dignidade fronte a unha invasión intolerable. Foron os de sempre, os de abaixo, os humildes, os que se enfrontaron á vergonza e á covardía duns gobernantes que só defendían os seus privilexios sen importarlles nada mais.”.
O espírito daquel pobo de Madrid enfrontándose con navallas e bastóns á cabalería polaca e aos mamelucos hoxe, mais de 200 anos despois, está co pobo ucraíno. Afortunadamente o pobo ucraíno, ao contrario que o pobo madrileño naqueles terribles días, non foi abandonado polos seus dirixentes. Tampouco a xente da esquerda debería abandonar a aqueles que loitan pola súa liberdade. Os dirixentes de Podemos traizoan os valores que sempre foron a bandeira da esquerda, sexa socialista, sexa comunista, sexa anarquista. Enumero algúns para refrescarlle a memoria: estar co oprimido, non renderse ante a inxustiza, loitar sen descanso pola liberdade. Hoxe eles son os monicreques dun déspota, e o son sabéndoo. Para eles o meu desprezo.