Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 19:09
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, defendeu este sábado durante a celebración do Debate do Estado do municipio en pleno extraordinario a xestión do Goberno local, azoutada por crises económicas e sociais como a da pandemia de Covid-19 e a derivada da invasión rusa de Ucraína. A oposición, con todo, foi moi crítica co Goberno compostelán, tachando a xestión de "soberbia" e na que ven "falta de diálogo".
O rexedor municipal iniciou a súa primeira intervención lembrando aos composteláns falecidos durante a pandemia e facendo fincapé nas dificultades ás que se enfronta, e enfrontará, a localidade por mor da guerra en Ucraína. "Esta crise está a obrigarnos a reestruturar a orde de prioridades, pero non altera os obxectivos fundamentais que tiñamos marcados", destacou. Para iso explicou que actuaron ao redor de tres eixos fundamentais: o apoio ás persoas en situación máis vulnerable, aos sectores económicos máis gravemente afectados e o mantemento dos servizos públicos "en circunstancias moi diferentes ás que viñan sendo habituais e para as que estaban concibidos".
OBXECTIVOS "PRIORITARIOS"
Doutra banda, Bugallo abordou os "obxectivos prioritarios" do mandato aprobados por unanimidade no Pleno da Corporación en xuño de 2019: a industrialización da cidade, a estación intermodal, infraestruturas e a EDAR.
Respecto da industrialización, incidiu na posta en marcha do Biopolo; a adquisición da maioría das accións de UNINOVA e a conversión da mesma no medio propio do Concello. Outro tema destacado foi a estación intermodal, que entrou en funcionamento en 2021. Desde marzo deste ano, apuntou ao fío disto, está en construción a nova terminal de viaxeiros, por 30 millóns de euros e cunha previsión de final de obras en 2024. En canto a infraestruturas, Bugallo lembrou que avanzan as obras do Orbital -manténdose a data de finalización en 2023--. En relación ao Orbitaliño, está prevista a saída a información pública do proxecto nas próximas semanas.
En canto a ciberseguridade, avanzou que estudan adherirse ao acordo marco da AMTEGA para deputacións e concellos. Está prevista tamén neste ano a creación do cartón cidadán e dunha APP do Concello que integre todo tipo de servizos municipais, explicou. Por outra banda, e respecto urbanismo e cidade histórica, Sánchez Bugallo defendeu a peonalización dalgunhas zonas e as obras de mellora levadas a cabo ao longo da cidade, como a do muro do Pombal, ou a construción de 60 vivendas protexidas.
"SOBERBIA" E "FALTA DE DIÁLOGO"
Nas súas intervencións a oposición mostrouse moi crítica co Goberno local, coincidindo na "soberbia" e "falta de diálogo" do mesmo. Goretti Sanmartín, pola súa banda, sumou a "carencia de autocrítica" e o "pasotismo", referíndose así, aos problemas e atrasos en diferentes obras da cidade.
"Este tamén foi o terceiro ano de mandato de Bugallo en que continuou sen cumprir a promesa electoral de solucionar o tema de Peleteiro, pois o que ían ser 3 meses xa pasa de 3 anos", censurou a nacionalista, que lembrou que o BNG xa propuxo unha terceira vía para "non prexudicar" á veciñanza.
Cuestionou tamén o anuncio por parte do alcalde da Plataforma loxística de transporte de mercadorías en Mallou, sen diálogo ningún coa veciñanza de Meixonfrío, que se opón a este proxecto de maneira unánime. Marta Lois, de Compostela Aberta, tamén se expresou nesta liña e recriminoulle ao alcalde "non escoitar nin ter en conta a opinión dos veciños". "As derivas autoritarias fraco favor lle fan á democracia", asegurou Lois, que enumerou os barrios aos que, insistiu, Bugallo non atendeu para acometer obras nesas zonas, con especial fincapé en Meixonfrío e a plataforma loxística.
Lois tamén comentou a falta de "coherencia" do Goberno local respecto da taxa turística,"que un día din que si e outro non". Por último, o portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, tachou ao Goberno local de "decepcionante" e remarcou que o que fixo "é pouco, pobre, a ritmo lento, e con deficiencias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.