Por E.P. | Trasmiras | 25/04/2022 | Actualizada ás 20:48
O rexedor do Concello de Trasmiras, o popular Emilio José Pazos, informou de que remitiu o pasado venres á Xerencia da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras un escrito solicitando unha "solución definitiva e o máis axiña posible" para a falta de facultativos que sofre o concello.
O alcalde explica nun comunicado que tomou a decisión de enviar unha comunicación despois de que as súas xestións telefónicas non desen o resultado esperado. "Desde o pasado martes o concello de Trasmiras quedou sen facultativos que atendesen aos nosos pacientes. O médico titular leva varios meses de baixa e todo apunta a que non volverá reincorporarse ao seu posto de traballo. A sanitaria que o substituíu enfermou da covid-19 e tivo que causar baixa necesariamente tamén, seguindo os protocolos do Sergas", indicou.
"Inmediatamente puxémonos en contacto coa Xerencia da área para reclamar a inmediata cobertura da praza e evitar que os nosos pacientes se tivesen que desprazar ata Sarreaus, co grave prexuízo para os veciños e veciñas do concello de Trasmiras. A propia Xerencia informounos de que rexistraban un importante número de baixas entre os facultativos, por mor da covid, circunstancia que nós entendemos pero que non evita que os nosos pacientes, moitos deles anciáns, víronse obrigados a desprazarse ata o municipio veciño cando algúns non teñen capacidade ou medios para facelo", engadiu.
O primeiro edil de Trasmiras sinalou tamén que "a pesar de que nos pese, a médica substituta de Trasmiras si ten deber de desprazarse a Sarreaus porque é persoal contratado do Sergas e débese ao que lle indique a Xerencia". Pero, pola contra, a titular da praza en Sarreaus "non ten obrigación algunha de acudir ao consultorio de Trasmiras".
SOLICITUDE FORMAL
Nesta conxuntura, xustificou esta solicitude formal, tamén para evitar un caso como o do pasado xoves cando, esgrimiu, desprazouse o helicóptero do 112 e "non había no municipio un médico dispoñible co grave risco que para a vida do paciente iso supuxo".
O rexedor tamén indicou que nas próximas datas solicitará unha reunión co xerente da área Sanitaria para exporlle o problema e solicitarlle que "actúe con previsión e cubra de maneira definitiva a praza do médico titular de Trasmiras". O obxectivo, insiste, debe ser "evitar que os pacientes do municipio queden sen asistencia médica varios días" como ocorreu a semana pasada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.