Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/04/2022 | Actualizada ás 13:45
As industrias culturais galegas comezan a deixar atrás a crise da covid-19 e teñen unhas expectativas positivas para este ano. Así, segundo o último barómetro do Consello da Cultura Galega, o 43% das empresas e entidades do sector consultadas aumentaron no último ano a súa facturación ou orzamento e as súas previsións para 2022 son, na mesma liña, "moi positivas".
Os datos foron presentados este mércores pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e polo coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares, que destacou que, a pesar dos bos datos, é necesario ter en conta que moitas empresas viñan de "anos espantosos".
Segundo os datos recompilados polo Consello da Cultura, máis da metade das entidades que compoñen o sector tiveron un 2021 "mellor ou moito mellor" que 2020, sobre todo as empresas e organizacións máis grandes, que foron as que tiveron mellores resultados. En canto aos sectores, o pasado ano foi mellor para o audiovisual e comparativamente menos positivo para a música.
O 51% das empresas e entidades espera que a súa facturación siga crecendo en 2022, sobre todo no caso das artes visuais, o teatro ou a danza, para os que a recuperación dos espectáculos tras a pandemia supuxo un balón de osíxeno. En todo caso, un terzo das empresas cren que non se recuperarán ata 2023 ou máis adiante.
En canto ao emprego, Hakan Casares define a situación como de "estabilidade". En concreto, o 70% das entidades non pensa variar os seus postos, aínda que o 21% valora incrementar o persoal en 2022, sobre todo no caso das artes escénicas, audiovisual e música.
O 49% das empresas atopa "dificultades" para contratar a profesionais, apunta o informe, unha situación que afecta, sobre todo, ao ámbito da música, as artes gráficas, o teatro ou a danza.
IGUALDADE DE XÉNERO
Entre os elementos que se analizan no barómetro está a igualdade de xénero nas industrias culturais, onde se observa un "certo equilibrio nos cadros de persoal". En todo caso, a presenza feminina é "maioritaria na administración pública" e o 62% das entidades están dirixidas por homes.
Do mesmo xeito, constátase o predominio dos homes nas empresas de menor tamaño (32,4%), mentres a igualdade é maior nas empresas grandes. Os ámbitos máis masculinizados son as artes gráficas ou a música e os máis feminizados as bibliotecas, os arquivos e as actividades das administracións públicas.
SUBVENCIÓNS E INTERNACIONALIZACIÓN
No capitulo das subvencións, o 53% das entidades solicitou unha axuda ao longo do ano pasado e concedéuselle ao 47%, a práctica totalidade, aínda que con "contías que tenden a ser pequenas", dixo Casares.
No campo da internacionalización, só o 21,1% das entidades realizaron nos últimos anos algún tipo de acción dirixida a incrementar a súa notoriedade ou difusión no mercado internacional, algo máis frecuente no sector dos museos, audiovisual, actividades relacionadas co patrimonio, teatro e danza. No 32% das entidades non se desenvolven actividades dirixidas a público internacional.
IMPACTO DO XACOBEO
Tendo en conta a peculiaridade deste ano Santo bianual 2021-2022, o barómetro inclúe unha pregunta para coñecer o impacto percibido do Xacobeo neste sector. Segundo se desprende das respostas, o 26,8% das entidades considera que as accións ligadas ao Xacobeo tiveron un impacto positivo na súa entidade. Con todo, sete de cada 10 entidades cren que o primeiro ano desta celebración non tivo ningún impacto nelas.
As entidades con maior influencia positiva do Xacobeo en 2021 foron as dedicadas a actividades das administracións públicas, museos, patrimonio cultural e, en menor medida, teatro e danza.
No outro lado da balanza, o informe destaca como fortalezas o talento, a creatividade, a profesionalidade, a calidade e variedade de producións ou a riqueza patrimonial e cultural de Galicia.
Entre os eventos e accións culturais máis destacadas da cultura galega en 2021, o máis mencionado é o Xacobeo e o Camiño de Santiago, seguido pola volta dos festivais de música, a candidatura das Tanxugueiras a Eurovisión, a presenza de Galicia nos Goya e festivais internacionais ou o Culturgal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.