Por Galicia Confidencial | Verín | 03/05/2022 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Verín instalará paneis fotovoltaicos na Casa Consistorial, o Pavillón Municipal de Deportes, os CEIP Princesa de España e Amaro Refojo, A Biblioteca Municipal, o centro de día Solleira, o Pavillón da Granxa e o Auditorio Municipal. En total, o ente municipal investirá 118.787,29 euros nas instalacións, esperando percibir dos fondos europeos Next Generation practicamente o 50 por cento do investimento (53.720 euros).
A súa instalación reducirá o consumo eléctrico, así coma as emisións de CO2
Segundo confirmou o alcalde, Gerardo Seoane, a instalación dos paneis solares "reducirá de maneira notable o consumo eléctrico, así coma as emisións de CO2, nestas instalacións".
PRIMEIRAS CONCESIÓNS CON CARGO AOS FONDOS 'NEXT GENERATION'
Segundo fontes do concello, esta pasada semana recibiron as primeiras seis comunicacións de concesión de axudas financiadas cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno de España. O valor das mesmas alcanza os 42.720 euros.
A previsión é comezar coa execución das obras de instalación dos paneis fotovoltaicos na Casa Consistorial, Pavillón Municipal de Deportes, CEIPs Princesa de España e Amaro Refojo, Biblioteca e o centro de día Solleira; quedando á espera de recibir, nos vindeiros días, as dúas resolucións das concesións restantes para executar os traballos no Pavillón da Granxa e no Auditorio Municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.