Apostar a perder: así atrapa o labirinto da ludomanía

O 30% da mocidade entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez. O clima de desesperanza e os "imperativos sociais da felicidade" son as mellores armas dunha industria do xogo que, aínda que de forma máis minoritaria, tamén crea adiccións nas mulleres.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada día, en torno ás nove da noite, un grupo de persoas reúnese en Vigo para facer terapias grupais. Todas elas caeron nunha adicción ao xogo que as encamiñou ás débedas, ao illamento social e a múltiples problemas de saúde mental. Pero xa están aí: pediron axuda e procuran a cura. O xogo patolóxico trátase da cara máis dura dun negocio que move millóns de euros cada ano e que se expande ao abeiro dunha regulación laxa, estancada no ano 1985.

Arquivo - Máquina comecartos nunha sala de xogos. Foto de arquivo.. AJUNTAMENT DE MANISES - Arquivo
Arquivo - Máquina comecartos nunha sala de xogos. Foto de arquivo.. AJUNTAMENT DE MANISES - Arquivo

Mentres as casas de apostas de empresas como Luckia, Sportium ou Codere van atopando oco en cada barrio e os xogos online copan cada vez máis pantallas, os datos debuxan unha realidade para a alerta: o 30% da mocidade entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez e os problemas de ludomanía aumentaron exponencialmente nos últimos anos entre os menores de 30. Calcúlase que en torno ao 2% da poboación desenvolve unha patoloxía vinculada ao xogo e que outro 5% fai un uso abusivo del. Falamos de varóns na gran maioría dos casos, se ben tamén existen mulleres ludómanas que, ante unha dobre estigmatización, atopan máis paus nas rodas para saír do pozo.

MARÍA: O DOBRE ESTIGMA DE MULLER E XOGADORA

María, unha muller de 56 anos, ten dúas datas gravadas a lume na súa cabeza: o 24 de novembro do 2021 foi a última vez que entrou no bingo, e o 10 de xaneiro deste mesmo ano comezou o tratamento para curar a ludomanía da man da Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (AGAJA). "Ese é un día no que volves nacer", recoñece. "Entras afundida, coa estima polo chan, sen parar de chorar... Pero agora empezo a coidarme a min mesma de novo, a ser quen era, pasiño a pasiño, con metas curtas". Ela é das poucas mulleres que acode a esas terapias grupais que teñen lugar en Vigo.

Juan Lamas, o director terapéutico da asociación e tamén director técnico da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (Fejar), explica que o mundo dos xogos está altamente masculinizado. "As mulleres, nese universo, son obxecto de lascivia por parte dos xogadores, nun contexto moi machista e agresivo que ten o seu reflexo na proporción de mulleres que xogan e que poden desenvolver unha ludomanía: no noso centro, o 90% dos pacientes son homes e o 10% mulleres, sendo xeneroso", sinala.

Ruleta, xogo, casino. EUROPA PRESS - Arquivo
Ruleta, xogo, casino. EUROPA PRESS - Arquivo

Son poucas, pero existen e esixen visibilización para axudar a outras mulleres. "Nun home o xogar está ben visto, pero en nós non. Eu notábao nas miradas. 'Que fai esta muller aquí soa?", lembra María. A ela enganchouna o bingo, como a tantas outras. E é que os tipos de xogo e os motivos polos que se inician adoitan ser diferentes en homes e mulleres. "Neles prima máis a competición e a socialización. Nelas colle máis peso un estado disfórico, depresión, soidade, a síndrome do niño baleiro, situacións de violencia... As mulleres optan por xogos pasivos como a lotaría, o cupón da ONCE ou o bingo, mentres que os varóns tenden ás apostas deportivas e ás cartas", describe Lamas.

María entrou no local por primeira vez hai dez anos. "Fun cunhas amigas, pola graza de tomar alí o café e xogar 20 euros cada una. Descubrín que me gustaba e empecei a volver eu soa, unha vez, outra... Nos últimos tempos había días que ía cando abría e saía cando pechaba. Aquela cadeira parecía que tiña un imán", relata ao teléfono. A adicción ao xogo, cada vez máis insaciable, meteuna nun labirinto de mentiras sen saída. "Vólvete unha persoa antisocial, porque non queres que ninguén saiba o que fas. Eu toquei fondo porque ademais de quedar sen cartos, creeille unha débeda de 12.000 euros a miña nai de 82 anos", relata.

No caso das mulleres, a vergoña e o temor a ser rexeitadas lévaas a adiar moito máis a petición de axuda. E cando o fan, "adoitan vir soas, sen apoio familiar ou cunha situación moi agresiva por parte do seu entorno". "Pola contra, eles sempre aparecen acompañados pola figura dunha coidadora, sexa a nai, a parella, a irmá...", relata Lamas. Logo de dar o valente paso de "poñer as cartas boca arriba", María atopou apoio na meirande parte do seu entorno familiar, mais tamén bateu coa incomprensión de quen non entende a ludomanía como unha doenza mental. "Son tachada de viciosa, e iso confúndete moito cando estás fóra de control, cun sentimento de culpa terrible. Tamén é unha aprendizaxe entender que eu fixen o que fixen porque estaba enferma, non porque quixera facelo".

O PERFIL DA LUDOMANÍA REXUVENECE

Por casos coma o de María, cada pouco tempo a problemática do xogo regresa ao Parlamento de Galicia da man dunha oposición que urxe unha regulación específica do sector, unha promesa reiterada pero non cumprida por parte do PPdeG desde o ano 2016. Este mesmo mércores, o PSdeG rexistrou na Cámara unha proposición de lei cuxo eixe principal está na prohibición de ubicar locais de apostas a menos de 850 metros de colexios e de centros de tratamento de persoas con patoloxías de acción ao xogo.

E é que a idade de comezo nas apostas deportivas vese cada vez máis reducida. Juan Lamas confirma un cambio de perfil da persoa que busca tratamento, tanto na variable de idade como na do tipo de xogo. "Desde a legalización do xogo online no ano 2012 aparecen cada vez rapaces máis novos, xogadores de apostas deportivas e do xogo online, e menos de máquinas comecartos", explica o director terapéutico. Con 32 anos de traballo ás costas, dende AGAJA detectan unha normalización dos salóns de apostas, que se convirten en "lugar de reunión da mocidade" en cada barrio.

 

De feito, en moitas ocasións son as familias quen chaman á asociación na busca de axuda. "Aí o traballo tamén é cos pais, para que deixen de ser cómplices desa situación e a persoa enferma consiga recoñecer o problema. Outra cousa é, logo, a dispoñibilidade que mostra cada quen para cambiar", sinala Lamas. Sexa como for, no momento en que unha persoa entra pola porta da asociación, o primeiro paso é tranquilizala, escoitala e ofrecerlle axuda se a precisa. "Estamos nun espazo terapéutico no que debe sentirse acompañada e non xulgada, como adoita acontecer na rúa". 

 

POR QUE A MOCIDADE ENGANCHA NO XOGO?

 

As causas polas que cada vez máis menores apostan hainas que buscar, tamén, no contexto social en que se moven. "Vivimos nunha sociedade intolerante ao malestar, onde aparece o imperativo social da felicidade. Existe un afán en acadar sensacións de pracer e de satisfacción inmediata; e dende aquí, o xogo pode aparecer como unha conducta que tape de forma momentánea os sentimentos de malestar, baleiro e frustración que isto pode provocar", explica Vanessa Rodríguez, psicóloga da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA).

 

Dende a asociación alertan dun incremento das problemáticas e malestar entre a mocidade adolescente, algo que pode vincularse coas relacións familiares e os cambios de valores da sociedade. "Os adolescentes contemporáneos teñen unha gran presión que lles chega de diferentes eidos (académico, relacional...) ao mesmo tempo que perciben máis dificultades para acadar unha maior autonomía para a propia autodeterminación". A iso súmase, prosegue Rodríguez, "o futuro desesperanzador que se lles presenta dende o mundo adulto".

 

Todo isto coloca a mocidade nun lugar de desesperanza que é aproveitado por unha industria do xogo que se presenta atractiva, como posibilidade de "diversión e de estar con iguais", e que empata con esa ansia de transgresión característica da adolescencia. "O público ao que se dirixe a publicidade é a poboación adolescente, son anuncios protagonizados por estrelas deportivas que son referentes para ela, anuncios feitos por adultos e protagonizados por adultos que incitan o consumo adolescente", expón Rodríguez, que pon o foco precisamente na responsabilidade da poboación adulta neste eido. 

"Se un adolescente xoga de forma patolóxica é porque dalgunha forma o mundo adulto llo permite. Son os adultos os que están ausentes no seu transitar, os que establecen a accesibilidade a este tipo de xogos e os que deberían responsabilizarse da prevención da aparición de problemáticas na adolescencia dende unha perspectiva comunitaria", explica a psicóloga. Para ela, a problemática da ludomanía debera "facernos pensar nas ofertas de ocio que existen para a adolescencia e se os deseños das propias cidades están pensados para ofrecer espazos de encontro e ocio para esta poboación". A clave está, di, na escoita activa para traballar conxuntamente en formas de ocio e culturais "atractivas, asequibles e estimulantes". 

Casa de apostas na Coruña.
Casa de apostas na Coruña.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta