Reganosa e EDP arrincan a tramitación ambiental da planta de "hidróxeno verde" nas Pontes

Prevé crear máis de 100 empregos directos e indirectos e alcanzar unha potencia global de 100 megawatts cando o seu desenvolvemento estea completado

Por Europa Press / Redacción | As Pontes | 06/05/2022 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

A central de hidróxeno verde que promoven Reganosa e EDP Renováveis nas Pontes de García Rodríguez iniciará este mes de maio a súa tramitación administrativa e ambiental. Segundo informan as dúas compañías impulsoras do proxecto, trátase dunha instalación de produción mediante electrólise que empregará a auga do lago da localidade e "novas fontes de enerxía limpa".

O complexo requirirá inicialmente unha superficie de 35.000 metros cadrados e o seu funcionamento e mantemento xerarán 55 empregos directos e 55 indirectos, mentres que na súa construción intervirán 186 profesionais e outros 52 de maneira indirecta.

De feito, tal e como aseguran Reganosa e EDP, na contratación de traballadores e provedores "priorizaríanse os do lugar e, particularmente, aqueles afectados polo cesamento de actividade na térmica de carbón" das Pontes.

A iniciativa, que suporá "a primeira gran planta de hidróxeno verde de Galicia", foi concibida para a súa acometida en fases acumulativas de 20, 30 e 50 megawatts de potencia. Iso si, unha vez completado o seu desenvolvemento, prevé alcanzar un global de 100 megawatts.

De acordo con cifras das promotoras, terá unha capacidade produtiva anual de ata 14.400 toneladas de hidróxeno verde para distribuír a través de cisterna e inxección a hidroducto. Espérase que evite a emisión á atmosfera de máis de 12.000 toneladas equivalentes de dióxido de carbono ao mes.

Este proxecto forma parte do Polo para a Transformación de Galicia articulado pola Xunta e, polas súas características, "alíñase cos obxectivos" que perseguen o pacto 'EU Green Deal', o programa de fondos europeos 'Next Generation', o Plan Nacional de Enerxía e Clima, a Estratexia Española de Transición Xusta, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e o Pacto de Estado por Ferrol, entre outros.

Proxecto da central de hidróxeno verde que pormueven Reganosa e EDP nas Pontes (A Coruña).. REGANOSA E EDP
Proxecto da central de hidróxeno verde que pormueven Reganosa e EDP nas Pontes (A Coruña).. REGANOSA E EDP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta