Os Premios da Cultura Galega recoñecen o traballo de Zaza Ceballos, Bernardino Graña e Antón Pulido

Tamén foron distinguidos o programa da TVG Dígocho Eu!, o Mosteiro de San Pedro das Rocas, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas Vázquez e a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolleu este sábado a gala dos Premios da Cultura Galega 2021, que foron, entre outros, para o Programa da TVG Dígocho Eu!, a produtora Zaza Ceballos, o poeta Bernardino Graña, o artista Antón Pulido ou o Mosteiro ourensán de San Pedro das Rocas. Entre os asistentes estiveron o presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que entregaron ademais algúns dos galardóns.

Gala dos Premios da Cultura Galega celebrada en 2022
Gala dos Premios da Cultura Galega celebrada en 2022 | Fonte: Xunta de Galicia.

Antes de entrar, Feijóo rexeitou facer declaracións e lembrou a importancia dos premios para a cultura e que se trata do seu "último acto como presidente da Xunta de Galicia". Na súa intervención, Núñez Feijóo agradeceu "sinceramente" o seu esforzo ao sector da cultura, "que deu o mellor de si nos momentos máis complexos". O presidente celebrou a "reactivación cultural de Galicia" tras a pandemia e apelou á súa consolidación neste 2022, "co impulso do Xacobeo e os fondos europeos".

"Levades polo mundo o noso nome e enriquecedes a nosa pegada colectiva", referiuse Feijóo respecto ao papel dos creadores, tras o que destacou que "a cultura adoita presentarse como unha continuidade histórica que nos permite adaptar en cada momento o mellor da tradición sen menoscabar a súa esencia, garantindo a súa supervivencia no futuro".

En canto aos galardoados, remarcou o compromiso co idioma de Bernardino Graña e Esther Estévez; a promoción, difusión e proxección internacional da cultura da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, de Antón Pulido, de Natalia Lamas e da Nova Galega de Danza; o compromiso coa igualdade de Zaza Ceballos ou o labor na conservación do patrimonio do Mosteiro de San Pedro de Rocas.

"Galicia practica unha cultura extrovertida que está en permanente diálogo coas culturas española, europea e americana, aberta a todas as influencias e sen temor a quedar diluída. É o vehículo polo que Galicia ten unha presenza notable no mundo global", continuou Feijóo.

Na categoría de Letras, o galardoado foi Bernardino Graña; en Artes Visuais, Antón Pulido; en Artes Escénicas, Nova Galega de Danza; en Música, Natalia Lamas Vázquez; en Audiovisual, Zaza Ceballos; en Lingua, o programa da TVG Dígocho Eu!; en Patrimonio Cultural, o Mosteiro de San Pedro de Rocas; e en Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas Rep. Arxentina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta