Cinco xeitos de entender e vivir o Día das Letras Galegas

Nee Barros, Mario Brión, Esther Estévez, Paula Jorge e Xiana Lastra comparten os seus pensamentos ao redor do 17 de maio, unha xornada na que se colocan no centro a creación literaria galega e a defensa do idioma, e na que se lembra a importancia de celebrar e reivindicar literatura e lingua os 364 días que restan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai quen reivindica a memoria histórica do galego, quen suxire celebrar xente da literatura do presente, quen evidencia e quere rachar co 'postureo' propio da data ou quen a vive coma unha auténtica festa. Existen tantos xeitos de entender e de reivindicar o Día das Letras Galegas como persoas habitan o país. Na casa, nas rúas, no traballo, nas redes sociais... Trátase dun día no que lembrar voces da nosa literatura - neste caso, o escritor homenaxeado é o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán - e no que visibilizar o traballo polo futuro da lingua galega. Co gallo deste novo 17 de marzo, GC pregunta a unhas cantas persoas que significa para elas esta xornada e como pensan pasala. Velaí o que nos contan.

De esquerda a dereita, Paula Jorge, Xiana Lastra, Esther Estévez, Mario Brión e Nee Barros
De esquerda a dereita, Paula Jorge, Xiana Lastra, Esther Estévez, Mario Brión e Nee Barros | Fonte: arquivos-GC

Nee Barros, creadore de contido e escritore

Para mim o dia das letras galegas é uma oportunidade para conhecer vozes da nossa literatura que construírom bases sobre as que podemos escrever (e com as que podemos rachar!). De todos os jeitos, também me entristece que a homenagem seja para gente que leva —como mínimo— 10 anos morta. Se queremos uma literatura viva, temos que celebrar também a gente viva! Por isso eu vou passar o 17 de maio a luitar pola minha língua na manifestaçom de Santiago (na atividade "fai um match com a língua" da AGAL) e, pola tarde, a escuitar as atuaçons do certame "Música nas letras" do serviço de normalizaçom linguística do Concelho de Ponte Vedra. Nele, grupos como Haku ou AT-59 (de quem sou mui fam) musicam poemas da persoa homenageada, este ano de Florencio Delgado Gurriarán.

Mario Brión, creador de contido nas redes

O día das letras galegas para min é un suplicio ritualista no que a xente monolingüe galega (obviamente, a única xente monolingüe na Gallaecia é a que fala castelán) ten a oportunidade de demostrar mais unha vez a súa desconexión e desconsideración pola cultura do lugar que habitan. Con isto, é un día totalmente necesario para honrar e dar a coñecer o traballo titánico vital de moita xente por manter vivas as nosas manifestacións culturais propias ante a homoxeneización global da cultura contemporánea. Creo que o vou pasar cortando pinos nunha tuxeira con meu pais e asistir ás actividades que organiza o Concello de Boiro, antes que facer o gaiegueirismo hai que atender o patrimonio e así.

Esther Estévez, xornalista e condutora do #Dígochoeu

O Día das Letras Galegas para min é unha festa moi importante, claro, pero como se adoita dicir con outras datas: o día das Letras Galegas é todos os días do ano. Este ano pasarei a véspera visitando un par de centros escolares da miña zona. Nun deles póñenlle o meu nome a unha aula e aínda estou alucinando! E o propio día das Letras andarei pola tele, como non podía ser doutra maneira.

Paula Jorge, creadora de contido

Para min é un día que representa as dúas caras dunha mesma realidade galega. Todos os días do ano son días nos que falar, pensar e crear en galego, non só porque no calendario apareza que é o Día das Letras Galegas. Hai que ir máis alá do postureo. Por outra banda, gustaríame poñer en valor a razón pola que comezou a celebración das Letras Galegas, conmemorar escritores galegos e galegas. Sempre teremos que ter presente todos eses anos escuros polos que pasou a nosa lingua e o moito que se sufríu para saír adiante. Estamos en débeda coa nosa propia lingua, debemos respecto e sentimento. O 17 de maio e o resto dos días.

Xiana Lastra, produtora e música na Banda da Loba

Para min o día das Letras Galegas significa poñer o foco na nosa lingua e na nosa identidade. Faise a través dunha figura representativa da nosa literatura que se pon en valor na actualidade, pero ademais leva da man que se produzan diferentes manifestacións artísticas no noso idioma e que se lle dea espazo ao galego en ámbitos nos que ao mellor non o ten o resto do ano. Lembrar, conmemorar, mais tamén identificarnos con todo iso no presente, é importante. Eu ese día irei á manifestación e non farei nada especial porque vivo nunha constante conmemoración da nosa lingua e das nosas letras. Aproveitarei para descansar porque presentamos disco o día anterior! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta