Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2022 | Actualizada ás 15:59
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apostou por darlle "máis futuro" ao galego, no social, económico e no cultural. Así, debullou algunhas propostas como unha canle propia na TVG, que facilitaría non só o coñecemento, senón a creación propia de contidos e a derrogación do coñecido como decreto do plurilingüismo.
Así mesmo, Pontón avanzou que un goberno do BNG, do que xa no debate de investidura avanzou algunhas liñas, apuntou a aposta por recuperar o status do galego, coa derrogación do "decreto da vergoña" e "recuperar o galego como lingua vehicular" no ensino. No ámbito económico, defende o idioma como fonte de creación de riqueza e emprego.
Xunto ao deputado Daniel Castro e a parlamentaria Mercedes Queixas, a dirixente nacionalista mantivo un encontro con persoas do ámbito da cultura, especialmente de novos modelos de comunicación como as redes sociais TikTok, para coñecer estas novas formas de comunicación e a linguaxe que se emprega.
Coincidindo coa semana das Letras Galegas, Pontón destacou a relevancia de "escoitar á mocidade que dá un exemplo de futuro e da potencia do galego", que "non ten límites". "Podemos estar a crear en calquera ámbito, en música, en tik tok, nun artigo de opinión", manifestou para aseverar que en galego "non temos límites".
Pontón manifestou que "hai que estar orgullosos" da cultura propia, de "un goberno que apoie e déalle o lugar que ten que ocupar no mundo" á lingua e cultura. "Un goberno que leve como propia a lingua", aseverou, facendo "cumprir o Estatuto" e que a cidadanía teña "pleno dominio" dos "dous idiomas cooficiais".
LINGUA INTERNACIONAL
Pontón, que entre os eixos estratéxicos dun goberno do BNG situou tamén as relacións con Portugal, defendeu o idioma propio de Galicia como unha "lingua internacional" con toda a lusofonía, que debe "crecer e progresar".
A portavoz nacional do BNG advirte da perda de falantes no idioma propio, como constatan os informes oficiais, e tamén defendeu un "plan transversal" no Goberno, para chegar á industria e economía, no que estea a empresa, que "facilite o empoderamento de Galicia desde a cultura" propia. Pontón estivo acompañada de artistas como Berto, do xornalista Lois Alcayde e de 'tiktokers' --ademais doutras facetas-- como César Rama, María Prado e Fabiana Ambroa (uruguaia de orixe galega).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.