Por Europa Press / Redacción | OVIEDO | 17/05/2022 | Actualizada ás 17:23
A Consellería de Cultura, Política Llingüística e Turismo pon en marcha a campaña Ye nosa, ye pa ti / É nosa, é pra ti, para animar ao alumnado e as súas familias a matricularse en asturiano e galego-asturiano nas etapas educativas de Primaria, ESO e Bacharelato.
A iniciativa, promovida desde a Dirección Xeral de Política Llingüística en colaboración coa Radiotelevisión do Principado de Asturias (RTPA), consta de cinco anuncios en asturiano e dous en galego-asturiano protagonizados por membros da comunidade educativa, que relatan as experiencias positivas que leva o estudo e coñecemento das linguas propias.
Cada anuncio inclúe intervencións de alumnado, familias, profesorado e tamén exalumado. Para a realización da campaña entrevistouse a máis de 30 persoas de distintos puntos de Asturias e contouse coa colaboración de profesorado e estudantes de centros de Mieres, Ribadesella/Ribeseya, Villayón e Santa Eulalia de Oscos/Santalla d'Ozcos, entre outros.
A campaña, realizada por José Antonio Braña, emitirase do 16 de maio ao 15 de xullo e completarase nas próximas semanas co envío aos centros educativos de carteis e folletos, para distribuír entre o alumnado e as súas familias, e a posta en marcha dunha páxina web que recollerá os vídeos e toda a información relacionada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.