Por gcaberto | Barcelona | 18/05/2022
Primeiro acto: Os silencios
Si, os sinais eran ben poderosos.
Ensimesmado nestas cousas, e vagando pola rúa Nova, parei xusto diante da tenda de Sargadelos, atraído pola fotografía de portada dun libro que tiñan no escaparate. Edicións do Castro acababa de sacar do prelo Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. O autor, Ricardo Gurriarán. A foto transportoume á infancia; esa mesma foto aparecía nunhas follas soltas do que debeu ser unha edición publicitaria das cooperativas e adegas de Valdeorras (anos 40 ou 50), que tiña meu pai entre as súas revistas de patróns. Meu pai, no inverno, facía de xastre. Atraído pola fotografía folleei a contraportada do libro, e o tal Florencio si que era valdeorrés, pero ademais era de Córgomo!, de onde son eu! Compreino, fun para o hotel e quedei apampado.... Deixei de lado a exposición do Araguaney e as miñas cavilacións sobre o fin do mundo e outras conxuras planetarias. Fun aducido por aquel libro, co que descubrín segredos e silencios descoñecidos por min ata aquel mesmo momento. Tempo era!
"O tal Florencio si que era valdeorrés, pero ademais era de Córgomo!, de onde son eu!"
Seguno acto: Na taberna do Re
Verán do ano 2000. O mundo non estoupara; os falsos agoireiros andaban nas súas horas baixas ou procurando outras datas para dar cabo deste mundo.
Nese verán coñecín a Ricardo Gurriarán. Entre cuncas de viño na taberna do Re en Córgomo, Ricardo faloume do seu libro, de Florencio Delgado Gurriarán, de Isaac Díaz Pardo, de Xesús Alonso Montero, da Guerra Civil, de Córgomo, de Valdeorras, de tantas e tantas cousas que nin miña nai nin meu pai nunca me contaran, nin ninguén da familia; nin sequera de Córgomo. Por que tantos silencios?
-Porque aínda hai medo, Anxo. --Foi a resposta de Ricardo Gurriarán, sobriño do poeta--.
Foi nesas tardes do verán do ano 2000 cando comecei a argallar plans e estratexias para recuperar a memoria do poeta. O libro de Ricardo era o necesario punto de partida. Non sabía por onde arrincar, pero a idea ía medrando nos meus miolos. Ademais o 2003 seria o centenario de nacemento de don Florencio. Ese si que era un sinal poderoso.
Que se podía facer? Talvez reclamarlle á Real Academia Galega que homenaxease coas Letras Galegas a don Florencio? Talvez!
Terceiro acto: Furafollas Agrupación Teatral
Anos 2001, 2002, 2003. Foron anos de actividade frenética no mundo galego en Barcelona: exposicións de pintura, performances, actuacións de teatro, grandes mobilizacións pola catástrofe do Prestige... E sempre rodeado da xentada de Furafollas Agrupación Teatral, compañeiros de viaxe polas rúas, nos centros cívicos, nos centros galegos. Convén parar agora, antes de seguir coa narración, e contar brevemente que vén sendo Furafollas Agrupación Teatral: unha plataforma para difundir a cultura galega a través do teatro e as artes plásticas, e foi tamén a ferramenta indispensable para recuperar a memoria de FDG. A primeira vez que lles falo aos Furafollas de Florencio e das miñas intencións e da posibilidade de irmos a Córgomo a revindicar a súa memoria con teatro e poesía, un "siiii, vamos todos a Córgomo! Foi unánime. Ben! A verdade é que sempre tiven a dúbida, se se apuntaron pola poesía ou foi polas ganas de festa e do bo godello. Neses anos forman parte da Agrupación mulleres e homes especialmente activos no mundo da cultura galega en Barcelona: Lito Caramés, profesor, escritor e crítico de arte; Paola Beiro, actriz de As Garotas da Ribeira; Xepe, licenciado en física e profesor de esperanto; Alberte Montes, actor; Xoán Gil, profesor de inglés e activista do Partido Comunista; Ana Escourido, filóloga; David Magdalena, técnico sanitario; Alba e Enric, dous adolescentes cataláns gañados para a causa galega; Sabela, Dani, Iria, Ana, Ana Belén, Paulo, Sara, Mónica, Encarna, Sole, Xosé Mari, Míriam, Víctor... e moita máis xente que colaborou e colabora dunha maneira ou doutra cos Furafollas. Ao seu arredor créase Plataforma Nunca Máis de Catalunya, que despois se reconverte en Rede.cat, desembocando todas na actual ACGB (Asemblea Cultural Galega de Barcelona). Vinte e cinco anos despois, Furafollas Agrupación Teatral segue coa mesma actividade e ilusión ca nos intres de ser fundada.
Prosigo a narración.
Unha tarde de 2001, a primeiros de xullo, visitando e gozando coa familia do magnífico 13º Festival Internacional de Teatre i Animació de Viladecans, cavilaba eu que un festival desas características sería ideal para facelo en Valdeorras. Quen puidera!! E foi aí!, nese momento, cando o vin claro! A maneira de recuperar a memoria de Florencio, tiña que ser a través do teatro. Ademais eu contaba cos indestrutibles Furafollas. Tan só precisaba que a comisión de festas de Córgomo se implicase.
"A maneira de recuperar a memoria de Florencio, tiña que ser a través do teatro"
Esa mesma tardiña chamei desde unha cabina telefónica en Viladecans, á taberna do Re, e falo coa Celia. Aínda non tiña móbil.
-Ola Celia. Boas. Son Anxo, o Gelito. Como vai todo por Córgomo?
-Ola, que tal? Que milagre chamares. Por aquí todo ben, e vós, por Barcelona, que tal?
-Ben, moi ben! Oíches Celia, sabes se este ano haberá festas en Córgomo?
-Pois mira, precisamente están aquí os mozos formando a comisión de festas. Se queres pásoche ao Manuel.
-Pois logo pásamo.
-Ei!, Gelo, que tal? Como van esas Barcelonas?
-Ola, Manuel. Ben, moi ben por aquí! E vós en Córgomo? Que? Temos festa ou non temos festa este ano?
-Home, claro que temos. Non vamos ter. Vaia, hom!
-Pois, escoita ben, Manuel! Se temos festa, na véspera da festa, o día 28, e se vós parece ben á comisión, facemos unha noite de teatro coas veciñas e veciños que queiran participar, grandes e pequenos. Que vos parece?
-Que nos vai parecer? Caralludo!!
-Pois dádelle aviso a todos os que queiran vir. Eu o día 10 chego a Córgomo e preparámolo todo axiña.
-Está feito!!!
Cuarto acto: As Xornadas Teatrais FDG
O éxito desa noite, 28 de xullo de 2001, foi tan impresionante que decidimos volver a facelo cada ano, aumentando a participación nos seguintes anos. A mobilización das veciñas e veciños de todas as idades foi extraordinaria, unha explosión social que contaminou ao resto de Valdeorras, e co tempo ao resto da Galiza.
As veciñas e veciños de Córgomo crearon a Asociación Cultural Florencio Delgado Gurriarán. Desde esa entidade axudaron e animaron a publicar o libro Antoloxía Vide, paisaxe, fala coas poesías de Florencio e tamén un CD do cantautor Anxo Rei Fronteira de Cigoñas. Daquela seguen as xornadas de teatro cada verán, exposicións; sesións de narración oral, de circo; obradoiros de teatro, de malabares, carreiras pola toponimia… Os medios de comunicación apoiaron positivamente toda estas manifestacións culturais: O Sil, La Región, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, RGT (Revista Galega de Teatro), RTVG, Onda Cero, COPE, SER...todos!!
Grupos e persoeiros como Xesús Alonso Montero, Carlos Casares, Xosé María Álvarez Cácamo, Luz Fandiño, Anxo Angueira, Antón Dobao, Chus Pato, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Tucho Calvo, Cándido Pazó, Festicultores, Redes Escarlata, Circo Pista Catro, Mini e Mero, As Garotas da Ribeira... e sinto que me deixo a moitas persoas e grupos profesionais e amateurs que participaron para reivindicar a poesía de FDG.
Desta maneira, sinxela, case sen decatarnos, comezou a recuperación da memoria de FDG, e naceu a proposta de solicitar as Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán.
As Xornadas Teatrais FDG fixéronse desde o ano 2001 ata o 2013, que se dan por rematadas. Paralelamente, no 2010 creo o proxecto En Construción, no que utilizo as paredes da casa que nacín para narrar e reivindicar a historia de Galiza con FDG e co pobo de protagonistas, na base das paredes as veciñas e veciños de Córgomo e Valdeorras, que participaron e colaboraron nas Xornadas de Teatro, despois aparecen persoeiros da cultura galega. A base é o pobo galego, apoiando aos artistas e creadores, todos xuntos protagonistas nas mesmas paredes dunha "Galiza Infinda" de Florencio. O proxecto segue e seguirá sempre en construción...
Quinto acto: As institucións
O apoio de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona (UB) e mais do Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, foi fundamental. A profesora Helena González encabezou a organización de actividades na UB, no Centro Galego de Barcelona e na Galería Sargadelos durante un trimestre enteiro. Nas Xornadas Florencio Delgado Gurriarán, unha memoria do exilio destacou a participación de Xesús Alonso Montero, Basilio Losada, Ricardo Gurriarán, María Campillo e o actor Avelino González. E nese tempo, e na mesma cidade, puido verse a exposición Bebedeira de soños, preparada por Ricardo Gurriarán. Ademais, Helena González, xunto con María do Cebreiro e María Xesús Lama, coordinaron un especial da Revista das Letras (núm. 419, 2002), co título Florenciada. O novo Odiseo, no que participaron (ademais delas tres) Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Dani G. Salgado, Alfonso Becerra, Roxério Pombo, Pilar Fernández Iglesias, Olga Nogueira, Mónica Góñez.
"O apoio de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona (UB) e mais do Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, foi fundamental"
Todos estes eventos encheron de forza a Furafollas, e a todas as persoas que estabamos metidos no proxecto tanto en Barcelona como en Valdeorras, e deunos un pulo e unha visibilidade institucional fundamental para tirar para diante. Tamén La Xina ART, galería de arte auto-xestionada por artistas na que participei durante sete anos, se incorporou ao proxecto. Artistas plásticos de La Xina Art foron expoñer ao Barco de Valdeorras, Poemoria, na Fundación Valdeorras, sita na casa do Río Cigüeño. E artistas valdeorreses expuxeron en Barcelona (La Xina ART), Bebedeira.
Asemade, O Catalizador, foi outro proxecto plástico de Furafollas Agrupación Teatral que procuraba xuntar as terras de Galiza e Cataluña por medio da poesía e do teatro. Realizouse, primeiro no ano 2011, no Centro Galego de Barcelona xunto con La Xina ART, e logo no ano 2012 no Ateneu Roig, xa coa colaboración tamén da acabada de crear Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB)
Sexto acto: Xornadas Valdeorresas
Coa colaboración da nova ACGB e do Ateneu Roig de Barcelona, os Furafollas organizan as Xornadas Valdeorresas nas que se promociona a comarca de Valdeorras e a poesía de FDG nas Primeiras Xornadas Valdeorresas (2018). Nas Segundas Xornadas Valdeorresas (2019) vólvese lembrar a poesía de FDG, e engádense ás lembranzas ao clown valdeorrés Paco González, de Vilar de Silva, cunha exposición de fotos do propio clown e a presentación do espectáculo Quimera de Gabriel Prada, alumno de Paco González.
"Nas Segundas Xornadas Valdeorresas (2019) vólvese lembrar a poesía de FDG..."
Nas mesmas xeiras preséntase o fanzine valdeorrés Barullo, a cargo do novo poeta Jorge Moral, gañador do I Premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán (acabado de crear) así como o espectáculo de narración oral IDA / VOLTA, con Blanca Cotado, Jorge Moral, Gabriel Prada e mais eu, Anxo Baranga.
Nos anos 2020 e 2021, por causa da pandemia non se puideron facer as 3as. Xornadas Valdeorresas.
Sétimo acto: Movendo os marcos
No verán de 2021 Furafollas Agrupación Teatral foi de xira por Galiza e despois levou a Barcelona o espectáculo Movendo os marcos, de Blanca Cotado e Anxo Baranga. Pretendemos recuperar a memoria da Galiza e da Barcelona nas que viviu FDG. Neste mesmo ano 2021, a RAG (Real Academia Galega) decide homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán cas Letras Galegas no ano 2022. Por fin!!
A memoria de Florencio será recuperada con todos os honores. O traballo está feito. Nel participaron centos de persoas de Galiza e mais de Barcelona. Furafollas Agrupación Teatral segue a preparar as 3as Xornadas Valdeorresas de Barcelona, que agora estarán ligadas aos eventos das Letras Galegas 2022 que van ter lugar en Galiza. Ben seguro que neste 2022 os Furafollas volverán de novo a Córgomo, polas ganas de festa, de godello e de poesía de FDG.
"Neste mesmo ano 2021, a RAG (Real Academia Galega) decide homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán cas Letras Galegas no ano 2022. Por fin!!"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.