Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 20:00
O músico galego Abraham Cupeiro segue sorprendendo. Logo de arrasar nos escenarios alemáns botando man dunha trompeta céltica, o virtuoso multiinstrumentista decidiu pasar polos focos dun dos programas en boga das redes: La Resistencia, que precisamente vén comandada por un galego, o santiagués David Broncano.
O paso de Cupeiro polo programa deixou unha escena rechamante que dá conta do inmenso talento do intérprete. Nun momento dado, o músico retou a Broncano a adentrarse na ciencia da gaita... cunha palliña plástica. "Ti como galego tes que aprender a tocar a gaita", arrincou, antes de demostrar a particular técnica desta heterodoxa práctica.
Cupeiro explica entón o proceso para fabricar esta gaita caseira "de 20 céntimos". Todo pasa por morder ben o punta da obxecto para conseguir unha apertura estreita, semellante á que acostuman ter os instrumentos de vento. A partir de aí, todo por aplicar presión nos espazos onde deberían de estar as notas. O achado demostrado por Cupeiro, que demanda dúas palliñas para a gaita, precisa práctica; pero non serán poucos os que lle lancen un intento nas festas parroquiais que, se a viruela do mono quere, se celebrarán nos campos e leiras das vilas galegas este verán.
Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é músico de profesión e vocación, un virtuoso formado na trompeta que decidiu ampliar os horizontes do vento madeira e metal ollando cara o pasado. Confórmase así como o grande recuperador de instrumentos perdidos no tempo, uns achados que lle permitiron compartir escenario coa Real Filharmonía de Galicia, a Royal Philharmonic Orchestra de Londres e na actualidade o leva por escenarios de distintos países como parte da xira Pangea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.