GC Aberto

É reptiliña Galiza?

Por admin | GC ABERTO | 19/05/2022

Comparte esta noticia

En Córgomo é este maio a Rag habitual. O Córgomo do kormófilo homenaxeado, Florencio

Figura de Florencio Delgado Gurriarán. Autor: Anxo Baranga.
Figura de Florencio Delgado Gurriarán. Autor: Anxo Baranga.

Delgado Gurriarán, aquel exiliado republicán en México, de vontade reintegracionista como o noso Carvalho Calero ou o tan esquecido pedagogo de Vixoi. Aquel guerrilleiro da palavra dese Cancioneiro da loita galega que revoltava contra a inercia da castelanización e morría fidel ao compromiso cultural e político con Galiza. Aquel que trousaría ao escuitar no Pazo do Hórreo ao Sr. Rueda, tan reptiliño el, malversando ao tambén reintegracionista Paz Andrade e animando a un galeguismo conciliador e inconformista. Ao escuitar ao fuxido Sr. Feijóo, tan bípedo viperino, barballando sobor da cordialidade política e lingüística e avanzando xuntos pola senda do progreso tranquilo cara o autoexterminio.

É reptiliña Galiza? A Galiza das espirais e labirintos petroglíficos. A dos réptis Saefes e Oestrymnios, a das serpes de auga, a do Córgomo, ese unicum toponímico prerromano que en Cambre ou na Capela soa en Corgo. O Corrugus de Plinio o Vello, os cursos de auga nos ruina montium do saqueo mineiro doutro imperio nas Médulas e Montefurado. O Córgomo, o Corgo superlativo de Gurriarán, a réptil-serpe do río Farelos, vizosa lingua de augas vivecendo entre os montes cara o Sil, serpe esguellada que leva a auga mais non a fama por bandeira.

É reptiliña Galiza? É cordialidade lingüística arrincarlle do peito os nomes ancestrais á nosa Terra? Que diría o Florencio da lingua bífida da nosa actual toponimia, quen escreveu a Louvanza dos nomes enxebres? Que antergo e nobre alamio evocaría para o noso homenaxeado La Coruña coa que batemos cada día?.

Dicía Edward Carpenter que entre amantes non há deveres nen dereitos, mais entre os galegos colonizados, convencidos de lle aprender aos pequenos o anglotrapo ou ianquitrapo xunto ao castrapo, que traza de cordialidade lingüística pode haver? Sabido é de todos que en Reptilandia, os dereitos lingüísticos escrévense sempre en papel mollado.

Namentres a lingua esmorece en rituais e liturxias de postureo, na incomunicación coa lusofonía, o uniformismo lingüístico castelán torra a nosa lingua enxoita coma un córgomo maniño, camiño estreito e fundo convertido polas institucións coloniais nunha poeira entre vales e cómaros de soina e estulticia.

Agora Gurriarán, (rexo fillo da Xeración Nós, como o arredista Manoel Antonio, ao dicir de Ferrín) saberá con esa sabiduría dos mortos do poeta Yeats que pol-a mala fada, inda hai feixes imbéciles e escuros que nos negan a fala, o espello da faciana colectiva, o único xeito audible dos nosos devanceiros?

Na Galiza reptiliña, cantos Doutor Nuevo Campito, parodia do desertor lingüístico, celebrarán só un día as nosas Letras? (Doutor Novo Campelo, aquel belixerante contra a nosa lingua, eis o Gabi dos tempos de Florencio Delgado). Cantos don Celidonios abaixarán a súa identidade a ese cosmopolitismo de progreso asimilador, prestos a esborrelar toda a memoria do seu clan?

Bilingüistas harmónicos, como diría Florencio:

Cantarenas de castrapos, Galiza é soio Galiza/ inda que o non queira ser.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Desta vez o labirinto mental queda pasmo de como se poden dicir tantas cousas que ninguén -agás tí- entende. E con arroubo atenden o noso rouco son... De seguro seremos iñorantes ante este xeito escuro de mostrar os camiños da lingua, de seguro alguén descobrirá algún día que tiñas a chave do paradiso, pero a pechadura seica estaba enferruxada... Será tamén pechadura un termo patriarcal, será... Unha lingua non se fala contra ninguén... a iso normalmente chámaselle cuspir...!