O Sergas, en alerta ante a varíola do mono: "xa activamos unha rede para identificar casos"

Sanidade segue pendente das directrices do Goberno para identificar os síntomas da enfermidade. Polo momento, a vacina contra a patoloxía é "escasa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2022 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou este venres que o seu departamento activou unha rede na Comunidade galega para identificar posibles casos da varíaola do mono. O titular asegurou que o protocolo se axustará á información que actualice o Ministerio de Sanidade.

Así o informou, a preguntas dos medios tras asinar un convenio co Concello de Muiños para a construción dun novo centro de saúde. "Esta situación deriva dunha alerta internacional que, por suposto, Galicia recibiu o martes pola tarde e transmitiu o mércores a todos os centros", detallou.

Respecto diso, concretou que permanecen "pendentes de recibir aínda a definición de caso, as características específicas para contemplar o que é un caso e o que non o é". "Nós hoxe (venres) pola mañá remitimos a todos os entes asistenciais e todos os dispositivos asistenciais un primeiro protocolo de definición de caso para que calquera sanitario galego teña claro cales son os criterios para incluílos nesta alerta", abundou.

Neste sentido, incidiu en que "isto difundiuse esta mañá". "E seguimos pendentes dese protocolo do Ministerio que nos permita facelo de modo homoxéneo", remarcou o titular de Sanidade. "Evidentemente, á vista da situación que se está producindo en Madrid con eses casos confirmados e ese alto número de casos sospeitosos, estamos alerta para canto aquí algún caso entre nesa definición poder canto identificalo, confirmalo, que é unha cuestión tamén importante a confirmación mediante PCR e remitindo as probas ao Instituto Carlos III", afirmou.

Por iso, insistiu en que en Galicia os sanitarios están "pendentes" con "esta rede xa disposta". "E axustarémola estes días segundo a información que vaiamos tendo", sentenciou, para incidido en que Galicia se mantén "alerta, como sempre".

VACINA "ESCASA"

Preguntado pola vacina fronte a esta enfermidade, o conselleiro de Sanidade explicou que este xoves pasado reuniuse a Comisión de Saúde Pública, na que "non se falou en absoluto desa vacina". "E si nos decatamos ao terminar de que o Ministerio estaba a falar con algún dos laboratorios para dispor desa vacina", reprochou. Así mesmo, o conselleiro de Sanidade puntualizou que "parece que a vacina non é algo do que haxa demasiada dispoñibilidade, senón que hai un número escaso".

"Estamos pendentes de que o Ministerio nos traslade de modo oficial, máis aló das noticias de prensa que escoitamos onte (xoves) pola tarde, e confiamos en que se esa vacina é efectiva, fálase de que sexa efectiva especialmente nos contactos estreitos, podamos tela a disposición no caso de que houbese algún caso sospeitoso que logo se confirmase en Galicia e poder administrala se realmente é unha arma terapéutica importante, como parece que si o é", concluíu.

CASOS CONFIRMADOS

O Ministerio de Sanidade informou este venres de que 21 mostras deron positivo a varíolas non humanas por PCR, aínda que aínda deben secuenciarse co fin de determinar que tipo de varíola é e descartar, ou non, que sexa a do mono. Ademais, o departamento que dirixe Carolina Darias detallou que as análises que está a realizar o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), nos que se realizou unha secuenciación parcial do virus, confirmáronse sete casos de varíola do mono en España. Dúas mostras sospeitosas que volverán ser analizadas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta