Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/05/2022 | Actualizada ás 10:32
O Comité Intercentros da CRTVG vén de expresar a súa "mais fonda preocupación" pola recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que declara a existencia dunha relación laboral común dun traballador do ente público cunha longa carreira profesional formalmente desenvolvida como persoal de alta dirección.
Segundo o TSXG, o “cesamento por "desestimento” do traballador, que se produce a poucos meses da súa xubilación, merece o cualificativo de improcedente, tendo a empresa de optar entre a readmisión e o abono dunha indemnización de 173.303,95 € .
Así, segundo os traballadores, a resolución xudicial pon en cuestión a libre designación como persoal de alta dirección doutras 31 persoas que na actualidade conforman o groso da estrutura directiva do ente público. "Isto pode acarrearlle a este graves consecuencias tanto económicas polos cesamentos que no futuro puideren producirse, como de inseguridade xurídica no desempeño das funcións de organización e mando na prestación do servizo público de comunicación audiovisual", din.
O órgano de representación unitaria do persoal solicitou este mércores unha reunión urxente
co Director Xeral e co Consello de Administración, como órganos superiores de goberno e
administración da CRTVG, para lles manifestar a súa inquedanza e poder coñecer de primeira
man as medidas que pensan adoptar para resolver a grave situación en que fica a Corporación após esta sentenza.
O Comité Intercentros reclamará ao Director Xeral que paralice os novos nomeamentos previstos, así como a regularización do actual persoal directivo, baixo advertencia da responsabilidade en que puidera incorrer de conformidade coa normativa vixente.
Segundo a representación sindical, "a fraude detectada na designación do persoal directivo
pon de manifesto a necesidade de avanzar cara a profesionalización dos medios públicos de
comunicación audiovisual de Galiza, sendo un paso importante o nomeamento dos mandos
intermedios que exerzan funcións directivas ordinarias entre o seu persoal laboral, atendendo
a criterios de capacidade e mérito profesional obxectivamente acreditados, fronte á simples
afinidade política ou persoal que prevalecen na actualidade".
Ademais piden o nomeamento do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento
de Galicia, a creación do Consello de Informativos e a regulamentación doutros órganos e
institucións de control e participación previstos legalmente porque, din, "dotaría á CRTVG da
independencia necesaria a camiño de reconectar os medios públicos coas necesidades
democráticas, sociais e culturais da sociedade galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.