Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2022 | Actualizada ás 11:01
Ecoloxistas en Acción denuncia que a Cámara Oficial Mineira e o colexio de enxeñería técnica de minas, co patrocinio da Xunta, usan como pretesto un "discurso feminista" para amparar as súas desfeitas ambientais.
Así, nun comunicado lembra que este mes de xuño o lobby mineiro organizará na Cidade da Cultura o “Simposio Mujer y Minería”, "un evento por todo o alto patrocinado pola Xunta de Galicia e no que os almorzos, aperitivos e ceas-cóctel corren a conta de Cobre San Rafael, Strategic Minerals e ERIMSA, todas elas empresas que veñen de ser sancionadas en múltiples ocasións por vulneracións ambientais".
Por iso, desde Ecoloxistas en Acción critican o “vergoñento exercicio de purplewashing, ou lavado de cara lila, do lobby mineiro que se pretende usar un discurso pretendidamente feminista para amparar a destrución ambiental”. De feito, no programa aparecen, xunto cos cargos da Xunta, representantes de varias empresas mineiras implicadas en procesos xudiciais ou sancionadores por infraccións contra o ambiente.
De Rafaella Resources, empresa australiana das polémicas minas de San Finx e Santa Comba, que acumulan máis de media ducia de procesos xudiciais, intervirán Susana García Sánchez e Ana Monteserín Losas, mentres que por Strategic Minerals, a empresa canadense que leva acumulados tres expedientes sancionadores da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa actividade na Penouta, intervirá Elena Terreón García.
"Outras empresas, como Cobre San Rafael, responsábel polo fracasado proxecto de reapertura da mina de Touro, tiveron que limitarse a participar co seu patrocinio, ao teren un cadro de persoal totalmente masculinizado, evidenciando o espectáculo vergoñento que supoñen este tipo de eventos", di.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.