Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/06/2022 | Actualizada ás 14:00
O decreto 79/2022, do 25 de maio, para a convocatoria extraordinaria da OPE que consolide prazas na admnistración galega, recolle no artigo 8 inclúese que “nos procesos selectivos que se desenvolvan en aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente”. Aínda así, saltou a alarma de que o galego non sería esixible nalgúns procesos. O motivo parece ser o seguinte parágrafo do mesmo artigo 8: “as bases da convocatoria establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega”.
PERIGA O GALEGO NA OPE DE 2022?
A secretaria nacional de CIG-Administración, Zeltia Burgos, sinala que este último parágrafo “non di que sexa obrigatorio o exame de lingua galega nin que se presente acreditación de coñecementos do galego”. Para reforzar esta postura Zeltia Burgos apunta que se as bases establecen o carácter do exame e a valoración do mesmo, “non se está poñendo o coñecemento do galego como requisito” para a proba.
Carlos Hermida, de CC.OO, apunta que o decreto segue a mesma pauta que anteriores. Sobre a mesa de negociación para a OPE, apareceu a dúbida de se era legal ou non esixir o galego no caso de acceder por vía de concurso de méritos. “A esixencia do galego en concurso de méritos con respecto a persoas que veñan de fóra de Galicia foi o que nos fixo dubidar” relata Hermida. “Os servizos xurídicos finalmente resolveron que era legal”.
“Nun concurso de méritos o galego pode ser puntuable, ademais, esíxense coñecementos de galego na maioría de OPEs en Galicia”, resalta Marcos Rodríguez de UGT. “O galego é imprescindible para entrar na administración galega, se non se ten acreditación de nivel (CELGA) hai que realizar un exame”.
POR QUE SALTOU A ALARMA?
“A Xunta foi hábil redactando o decreto, nós queriamos que fose un requisito e non é” apunta Burgos. A representante da CIG entende que a frase “a valoración de dita proba” confirma que ter coñecementos de galego non será requisito en probas de concurso de méritos. Preguntada sobre cales serían as intencións da Xunta, Burgos descoñece esa presunta intencionalidade mais non desbota que se use como moeda de cambio en futuras negociacións.
“O decreto é un primeiro paso porque aínda nin se negociaron as bases da OPE” apunta Carlos Hermida. “O galego pode ser requisito nun concurso de méritos, cousa que non exclúe a persoas de fóra de Galicia que acrediten coñecementos ou teñan que facer o exame de lingua galega”. En tal caso, Hermida lembra que unha OPE excluínte cara xente de fóra de Galicia é inconstitucional.
“A presión social, as notas e comunicados de prensa fixeron que a Xunta ao final recuase e incluíran o relatio ao galego” sinala Burgos. “Se non se incluíse as convocatorias realizadas poderían ser revocadas” apunta.
“De momento só se aprobou o documento coa composición do proceso, por exemplo, o número de prazas” di Marcos Rodríguez. “Faltan temas como este por negociar para sentar as bases da OPE”. Pola súa banda, Carlos Hermida remarca que “nunca estivo sobre a mesa retirar o galego das probas”, e insiste en que a cuestión foi unha dúbida legal.
Se as previsións se cumpren, dentro da OPE aquelas persoas que opten a un concurso de méritos terán o coñecemento do galego como requisito. Por outra parte, a interpretación da lexislación en canto o uso e normalización do galego na administración autonómica demostra fraquezas, algo nada bo se acaso fosen usadas precisamente contra o requisito de coñecemento do galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.