Sitúan en Galicia e Portugal as mellores áreas da península para explotar enerxía das ondas mariñas

As augas galegas e portuguesas son as únicas con zonas altamente idóneas para a instalación de granxas de ondas, con 1.723 km2 “moi axeitados”. En Galicia, a zona noroeste sería a que ten maior potencial.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 10/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia mira cada vez máis cara ao mar como fonte de recursos para un futuro sostíbel baseado en enerxías limpas. Investigadores de diversos eidos veñen estudando durante os últimos anos o potencial e as posibilidades que ofrecen as augas galegas e a industria do país para a instalación de toda unha variedade de infraestruturas no mar que aproveiten a enerxía do vento en alta mar ou a enerxía das mareas e das ondas. Os parques eólicos offshore levan vantaxe, e son dos que máis se fala, pero existen propostas alternativas a estes que tamén están cobrando forza, como o aproveitamento da enerxía das correntes das mareas (enerxía mareomotriz) ou da enerxía das ondas mariñas (undimotriz).

Simulación dunha granxa de ondas.
Simulación dunha granxa de ondas.

Así, a idea de crear parques para explotar o potencial enerxético mariño de Galicia vén tomando corpo nos últimos tempos, sendo a undimotriz unha enerxía con enorme potencial, polo que se desprende dos estudos realizados até agora. Unha nova investigación liderada pola Basque Research and Technology Alliance (BRTA), coñecida como Alianza Vasca para a I+D, sitúas áreas de Galicia e Portugal como as zonas mariñas máis idóneas da península ibérica para explotar enerxía undimotriz.

De 108.826 km2 de superficie mariña, 1.723 son “moi axeitados” para instalar granxas de ondas, todos en Galicia e Portugal

Como recoñecen desde o BRTA, a produción de enerxía a partir das ondas mariñas está “gañando cada vez máis atención” por parte de investigadores, industrias e gobernos. Por iso, e coa idea de identificar áreas idóneas para o desenvolvemento de granxas de enerxía undimotriz, fíxose unha investigación aplicando un modelo de rede bayesiana, considerando aspectos técnicos, ambientais e de conflitos espaciais que inciden no desenvolvemento deses proxectos.

A área xeográfica definida para o estudo abrangue as Zonas Económicas Exclusivas de España e Portugal até 200 metros de profundidade, xa que este é o límite para a instalación de convertedores de enerxía de ondas mariñas, resultando unha superficie total de 108.826 km2. A partir de aí, co modelo, clasificaron distintas áreas en alta, media e baixa idoneidade e non idóneas para a instalación de granxas de ondas.

Os resultados do modelo aplicado indican que 1.723 km2 das augas que bañan a península ibérica e Macaronesia son “moi axeitados” para o desenvolvemento de proxectos de enerxía undimotriz, mostrando un baixo potencial de conflitos con outras actividades e un baixo risco ecolóxico. Eses 1.723 km2 sitúanse en Galicia e Portugal e representan o 1,6 % da superficie total (108.826 km2).

Outros 17.409 km2 (o 16 % da superficie total definida) foron identificados como “axeitados” para explotar enerxía undimotriz, maiormente en augas atlánticas, desde Euskadi até o sur de Portugal, aínda que tamén se identificaron pequenas áreas axeitadas na costa atlántica andaluza, no Mediterráneo e nas illas Baleares, Canarias e Madeira.

Con todo, os autores a autoras recoñecen que o seu modelo é un punto de partida sobre o que traballar e susceptíbel de actualización e melloras.

IDONEIDADE TÉCNICA

As áreas clasificadas como altas, medias, baixas e insignificantes desde o punto de vista da idoneidade técnica son o 5 %, 25 %, 32 % e 38 %, respectivamente, da superficie total. De xeito que case un terzo das augas peninsulares son aptas para implantar convertedores de enerxía undimotriz, situándose exclusivamente en Galicia e Portugal as máis idóneas.

As zonas aptas para explotar enerxía undimotriz sitúanse a unha distancia media entre 18 e 32 km do porto máis próximo

As zonas axeitadas e moi axeitadas representan un total de 2,8 TWh de recurso enerxético, “o que indica que o recurso enerxético e a dispoñibilidade de espazo son suficientes para acadar os obxectivos fixados pola Comisión Europea”, salientan. Ademais, estas zonas sitúanse a unha profundidade media de 85 a 113 metros, e a entre 18 e 32 km do porto máis próximo, e a entre 21 e 29 km da subestación eléctrica máis próxima en terra, cun recurso enerxético medio anual de 143-170 MWh e unha media anual de 107 a 158 días de ventás de bo tempo para traballos de construción e mantemento.

RISCO ECOLÓXICO

A superficie clasificada como alta, media e insignificante desde o punto de vista do risco ecolóxico é do 21,5%, 7,5% e 71% da superficie total, respectivamente. A maioría das zonas de alto risco ecolóxico atópanse no Mediterráneo e nas Azores e Canarias, aínda que tamén existen localizacións dispersas na costa atlántica.

As zonas de alto risco ecolóxico atópanse, de media, en áreas cunha profundidade de 59 metros, onde, como explican os expertos e expertas, “a dispoñibilidade de recursos de enerxía undimotriz anual media é relativamente baixa (45,5 MWh), polo que non interferiría co desenvolvemento de granxas por motivos técnicos”.

Dentro das áreas clasificadas como “moi aptas” tecnicamente para granxas de ondas, o 5,9% mostra alto risco ecolóxico

A zona de risco ecolóxico medio atópase en áreas dunha profundidade media de 109 metros, onde a dispoñibilidade de recurso de enerxía undimotriz media anual é, de media, 149 MWh, sinálase no estudo. E a zona de risco ecolóxico insignificante atópase, de media, a unha profundidade de 89 metros e a dispoñibilidade de recurso de enerxía undimotriz media anual é de 106 MWh.

Dentro das áreas clasificadas como “moi aptas” tecnicamente, o 5,9% está clasificada como de alto risco ecolóxico, o 7,9% como medio e o 86,1% como insignificante. Isto, segundo os autores do estudo, significa que, ao considerar a totalidade da área de estudo, só o 4,3% do total ten unha alta idoneidade técnica e un risco ecolóxico baixo ou insignificante; mentres que para a superficie tecnicamente adecuada, o 15,8% corresponde a risco ecolóxico alto, o 14,1% a risco ecolóxico medio e o 70,1% a risco ecolóxico insignificante. Estes valores, indican, representan o 3,9%, 3,5% e 17,4% de toda a área de estudo.

Así, destacan que das zonas tecnicamente idóneas (xa sexa alta ou media), aproximadamente o 27% está comprometida por aspectos ecolóxicos (risco ecolóxico alto ou medio), o que representa o 8,1% da superficie de estudo. As restantes zonas tecnicamente aptas, sen conflitos desde a perspectiva ecolóxica, representan o 21,7% da superficie total.

CONFLITOS CON OUTROS USOS

A distribución espacial das actividades excluíntes e limitantes coas que entraría en conflito a instalación de granxas de ondas (por exemplo, zonas de pesca e de tráfico mercante, áreas protexidas, etc.), está presente en toda a área de estudo, especialmente nalgunhas partes do Mediterráneo, illas Canarias, Azores e Madeira, e algunhas zonas da costa atlántica, incluídas as rías galegas.

Como indica o equipo responsable do estudo, as actividades excluíntes e limitativas supoñen o 71,5% da superficie total analizada: as actividades excluíntes supoñen o 13% da superficie total, mentres que as actividades e usos limitativos supoñen o 58%. Isto, como sinalan, deixa o 28,4% do total da superficie mariña sen conflitos coñecidos para o desenvolvemento de proxectos de enerxía undimotriz, situándose, de media, a unha profundidade de 98 metros, a 33 km de portos e a 32 km da subestación eléctrica máis próxima.

Nas áreas clasificadas como “moi aptas” tecnicamente, o 42,1% non presenta ningún conflito de uso, mais o 50,1% está potencialmente afectado por actividades limitativas 

Dentro da superficie cualificada como altamente apta desde a perspectiva técnica (como xa vimos, toda en Galicia e Portugal), o 42,1% non presenta ningún conflito de uso, o 50,1% está potencialmente afectado por actividades limitativas e o 7,8% é incompatible coas explotacións de enerxía undimotriz pola existencia de actividades excluíntes. Iso representa o 2,1%, 2,5% e 0,4% de toda a área de estudo.

En canto á superficie cualificada como medianamente apta desde o punto de vista técnico, o 37,7% non presenta ningún conflito de uso, o 56,6% está potencialmente afectado por actividades limitativas e o 5,7% é incompatible con explotacións de enerxía undimotriz pola existencia de actividades. Iso representa o 9,3%, 14% e 1,4% de toda a área de estudo.

Polo tanto, e como poñen de relevo, das áreas tecnicamente aptas (xa sexan altas ou medias), aproximadamente o 6% está en conflito coas actividades excluíntes, o que representa o 1,8% da área de estudo, e o 55,5% pode verse afectado por actividades limitantes (16,5% da área de estudo)). As restantes zonas tecnicamente aptas nas que non se daría conflito con outros usos do espazo mariño supoñen o 11,4% da superficie total analizada.

GALICIA E PORTUGAL, AS MÁIS IDÓNEAS

Cos resultados de idoneidade técnica, riscos ecolóxicos e conflitos con outras actividades e usos, calculouse a idoneidade final, ou adecuación integrada, das distintas áreas mariñas.

Os resultados do modelo aplicado mostraron que as áreas altamente idóneas desde un punto de vista técnico, ambiental e socioeconómico para o desenvolvemento de proxectos de enerxía undimotriz atópanse exclusivamente en augas de Galicia e Portugal, mentres que as áreas simplemente adecuadas esténdense amplamente pola costa atlántica, e cantábrica, e máis limitadamente en pequenas zonas aptas na Macaronesia e no Mediterráneo. No caso de Galicia, as áreas máis idóneas atópanse na Costa da Morte e no Arco Ártabro.

Ao comparar o resultado da idoneidade técnica coa idoneidade integrada, 19.132 km2 dos potencialmente aptos tecnicamente (32.406 km2) son á súa vez axeitados dende o punto de vista integrado. Detalladamente, os resultados do modelo indican que o 1,6% (1723 km2) e o 16% (17.409 km2) da superficie total mariña analizada son altamente axeitados ou axeitados, respectivamente, para o desenvolvemento de proxectos de enerxía undimotriz.

"As áreas con maior recurso de enerxía undimotriz non son necesariamente as máis adecuadas para a instalación de granxas de ondas"

Estas áreas teñen, de media, entre 85 e 113 metros de profundidade, 18-32 km de distancia ata o porto máis próximo, 21-29 km ata a subestación máis próxima, un recurso enerxético medio anual dispoñible de 143-170 MWh e de 124 a 150 días ao ano de bo tempo para traballos de construción e mantemento das granxas.

“No noso enfoque, as áreas con maior recurso de enerxía undimotriz non son necesariamente as máis adecuadas para a instalación de granxas de ondas, xa que adoitan mostrar un menor número de ventás meteorolóxicas ao ano para os traballos de mantemento, o que supón un maior custo de produción”, clarifican os autores.

E engaden: “Segundo os nosos resultados, as zonas de idoneidade alta e media están situadas a uns 100 metros de profundidade e a 20 quilómetros dos principais portos e subestacións. Esa distancia relativamente longa débese a que as áreas que poderían estar situadas a profundidades de auga máis baixas e a menores distancias ao litoral son, ao mesmo tempo, as que presentan maior risco ecolóxico e posibles conflitos con outros usos. Estas distancias adecuadas están dentro do abano de proxectos de ondas instalados en Europa que abarcan distancias desde lugares en terra ata 25 quilómetros da costa”.

Aínda que salientan que o seu enfoque “proporciona a primeira evidencia das áreas máis adecuadas para o desenvolvemento de proxectos de enerxía undimotriz” , asumen que os resultados obtidos “son informativos e a selección final do lugar requirirá máis investigacións en canto á climatoloxía das ondas e ao recurso enerxético adaptado ao factor de capacidade específico dos dispositivos a instalar, así como enquisas in situ para o deseño da granxa de ondas, cimentos e deseño de trazos de cables, entre outros”.

Tamén recoñecen que existe aínda unha “limitada evidencia científica sobre os impactos ambientais das granxas de enerxía undimotriz, debido ao baixo número de convertedores instalados ata agora, a maioría aínda en fase de proba de prototipo”, e propoñen mellorar os modelos para determinar áreas idóneas centrados na sensibilidade de especies e hábitats específicos ás presións producidas polos dispositivos de enerxía undimotriz, así como no estado de conservación desas especies e hábitats.

ÁREAS E CONVERTEDORES MÁIS ÓPTIMOS EN GALICIA

Paralelamente, científicos do Laboratorio de Física Ambiental (EPhysLab) da Universidade de Vigo, de MeteoGalicia, do Departamento de Física da Universidade de Aveiro (Portugal) e do Departamento de Enxeñaría Mecánica , Universidade ‘Dunarea de Jos’ de Galati (Romanía) veñen de calcular o recurso de enerxía undimotriz ao longo da costa galega, durante o período 2014-2021, ademais de analizar a enerxía eléctrica que se podería extraer con catro modelos de convertedores de enerxía de ondas e o rendemento destes: Oyster, Atargis, Aqua Buoy e Pelamis.

Os resultados mostran que o recurso enerxético é inferior a 10 quilovatios por metro de fronte de onda nas rías, pero aumenta a uns 50 kWm en alta mar.

En xeral, explican, “o recurso de enerxía das ondas, a saída de enerxía eléctrica esperada e o factor de potencia de carga diminúen canto máis próximo a terra, mentres que a eficiencia aumenta cara a terra”.

O maior recurso de enerxía undimotriz en Galicia está nas augas do noroeste e na parte máis occidental da costa norte

Os resultados tamén mostraron que o maior recurso de enerxía undimotriz está nas augas ao noroeste de Galicia e na parte máis occidental da costa norte. “Isto débese principalmente a que a ondada ten unha dirección noroeste, e estas zonas están máis expostas ás ondas”, explican. Pola contra, o menor recurso áchase na parte máis oriental da costa norte galega.

Entre os convertedores, o modelo Atargis obtivo a maior enerxía eléctrica e resultou o dispositivo “máis eficiente”, mentres que Oyster e Aqua Buoy mostráronse “bastante eficientes” para recoller o recurso de enerxía e Pelamis mostrou unha baixa eficacia. Polo tanto, “Atargis parece ser o mellor dispositivo para instalar na costa galega, especialmente na costa noroeste, no Arco Ártabro, pola súa esperada potencia eléctrica, rendemento, localización baixo a superficie e profundidade óptima, evitando zonas de interese ambiental”, destacan.

Aqua mostrouse como “a máis idónea para instalarse dentro das rías, onde o espazo dispoñible é limitado e debe convivir con outras actividades económicas, como a acuicultura en batea, restrinxindo a instalación de grandes aparellos como Atargis ou Oyster”, proseguen estes expertos, que engaden: “Aqua Buoy ten unha alta eficiencia debido ao seu pequeno tamaño e a potencia de saída pódese aumentar tendo en conta varios dispositivos. A instalación destes aparellos nas proximidades das zonas de marisqueo tamén podería protexelos das ondas ao disipar parte da súa enerxía”.

En canto as emprazamentos axeitados para o dispositivo Oyster, que amosa unha alta eficiencia e factor de capacidade para toda a costa galega, sitúanse “nas proximidades de portos como o Exterior da Coruña para reducir custos e evitar conflitos con zonas protexidas e de marisqueo”.

Na opinión destes expertos e expertas, “debería considerarse un tipo diferente de convertedor de enerxía undimotriz para cada localización en función do seu tamaño, parámetros de rendemento e convivencia con outras actividades socioeconómicas e áreas ambientais protexidas”.

Por último, e tendo en conta o seu traballo e a emerxente investigación que hai sobre a posibilidade de explotar a enerxía das ondas, destacan o “gran potencial de Galicia para converterse nunha rexión xeradora de enerxía undimotriz”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta