Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 20:18
Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, presentou este mércores a súa campaña do Orgullo LGBT+ baixo o lema 'Loita, orgullo e diversidade. Por unha vida digna', co obxectivo principal de visibilizar a situación da mocidade LGBT+.
"As persoas LGBT en Galicia vivimos cada día con máis dificultades. O asasinato de Samuel Luiz na cidade da Coruña, o ataque a unha moza trans lanzándoa da Muralla de Lugo ou as repetidas agresións físicas en Vigo e Ourense, só neste último ano, son o cume das violencias que diariamente sufrimos", explicou Andrea Ferrer, membro da mesa nacional LGBT+ de Galiza Nova.
Segundo informa a organización xuvenil, a súa campaña arrinca este mesmo mércores, Día da Visibilidade Lésbica en Galicia, e estará dividida en tres eixos: unha parte sobre a historia do movemento LGBT+ galego, outra social para denunciar a situación destas persoas na actualidade e outra institucional para demandar medidas legais de protección.
A campaña culminará o propio Día do Orgullo, o 28 de xuño, coa participación nas mobilizacións que convoque o colectivo. "Animamos toda a mocidade a saír ás rúas na defensa dos nosos dereitos para poder vivir sen medo e nunha verdadeira igualdade", proclamou Andrea Ferrer.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.