Achado “inesperado”: a variante de hepatite B dominante en Galicia é distinta á de España polas migracións con América

Científicos cren que os fluxos migratorios con América do Sur e o Caribe foron o medio polo que o subxenotipo D4 deste virus se introduciu en territorio galego, que mostra unha das taxas máis altas do mundo desta variante, con menor incidencia no resto do Estado español.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 11/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A variante prevalente en Galicia do virus da hepatite B (VHB) é distinta da que domina en España. Un feito que pode asociarse cos intercambios históricos de migrantes con América Latina e, especialmente, co Caribe. Esta é a principal conclusión dun estudo asinado por investigadores dos servizos de microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e do Hospital Universitario Ramón y Cajal (Madrid), da Facultad de Ciencias de la Salud da Universidad Internacional de La Rioja (UNIR) e do Instituto de Investigación Sanitaria Puerta de Hierro (Madrid)

Test de hepatite B
Test de hepatite B | Fonte: Congreso internacional Prevencionar.

Segundo as análises realizadas, o subxenotipo D4 é a variante dominante do virus da hepatite B en Galicia, algo “inesperado”, segundo as científicas e científicos autores do estudo. As cepas actuais do VHB identificadas no mundo clasifícanse filoxeneticamente en nove xenotipos designados con letras, do A ao I. Á súa vez, existen múltiples subxenotipos que representan diferenzas na distribución xeográfica do virus, o resultado clínico da infección e a resposta do paciente á terapia antiviral.

A prevalencia en Galicia do subxenotipo D4 do virus da hepatite B está "entre as máis altas descritas en todo o mundo”

VARIANTES DOMINANTES DISTINTAS EN GALICIA E ESPAÑA

No Estado español –ao igual que acontece no resto de Eurasia occidental–, os xenotipos A e D do VHB son os dominantes actualmente, sendo o D máis prevalente no noroeste, a diferenza do resto do territorio, “por razóns pouco claras”, apuntan. En concreto, en Galicia atopouse que o subxenotipo D4 do virus da hepatite B (VHB-D4) era a variante predominante, tras a caracterización virolóxica de 320 pacientes portadores do virus. Galicia, din, “presenta unha taxa única e elevada de subtipo D de VHB, un 71,6%” en comparación co resto dos territorios.

Dentro deste, o subxenotipo D4 do VHB representa o 33,4% de todas as infeccións por hepatite B crónica en Galicia. “Esta prevalencia está entre as máis altas descritas en todo o mundo”, salientan os científicos.

Outro dato relevante que emerxeu no estudo é que, en comparación con outros pacientes con hepatite B crónica, os portadores de VHB-D4 son máis maiores, máis frecuentemente mulleres, con HBeAg negativo (HBeAg é un antíxeno que actúa como primeiro marcador da infección aguda; se persiste máis de seis  meses, a infección considérase crónica) e raramente teñen cirrose, hepatite C ou coinfección por VIH (virus da inmunodeficiencia humana).

Para o equipo científico resultou un achado “moi interesante” que o xenotipo A do VHB fose máis prevalente entre os homes (88%), mentres que o xenotipo D do VHB infectou ata o 39% das mulleres.

Os científicos cualifican como "achado inesperado” os resultados do estudo, ao evidenciarse que o de Galicia é un caso "único" no Estado español

En comparación con outros casos con hepatite B crónica, os portadores de VHB-D4 tamén foron máis frecuentemente HBeAg negativo (85%) e maiores (54,2 % tiña máis de 50 anos) que os pacientes con VHB infectados cos xenotipos B, C, E, F e G, cunha idade media de 52 anos. Os homes con VHB-D4 representaron o 57%. Eran maiores que as mulleres con VHB-D4 (56 anos de media vs 44). Curiosamente, só o 4,7% dos pacientes con VHB-D4 tiña cirrose e o 10,2%, coinfección por hepatite C.

No estudo, analizáronse datos de 320 individuos con hepatite B crónica (68,4% homes e 31,6%, mulleres), cunha idade media de 52 anos. A distribución dos xenotipos do VHB foi a seguinte: xentipo A, o 15,3%; B, 1,6%; C, 2,5%; D, 71,6%; E, 3,1%; F, 2,2%; G, 3,1%; e H, 0,6%. Polo tanto, o xenotipo D domina amplamente. E dentro deste, os subxenotipos prevalentes son os D4 e D2 (33,4% e 15% do total, respectivamente).

Nos pacientes con VHB-A identificáronse tres casos con subxenotipos A1 e 40 con A2, “taxas que están de acordo coa información epidemiolóxica local previa”, clarifican. Pero entre as secuencias asignadas ao xenotipo D, o 34,6% foron identificadas como subxenotipo D4 e o 15% como D2, unha anomalía no Estado español, onde “estas variantes, e especialmente o VHB-D4, só se rexistraron ocasionalmente entre pacientes con hepatite B crónica en España”. Por iso, explican, “ante este achado inesperado” dun “alto número de secuencias pertencentes ao VHB-D4”, decidiron “examinar estas mostras con máis detalle”.

ORIXE NOS MOVEMENTOS DE PERSOAS ENTRE GALICIA E AMÉRICA LATINA

Así, chegaron ao máis substancial deste estudo, os resultados das análises filoxenéticas e filoxeográficas, que “suxiren unha forte asociación” da prevalencia da variante VHB-D4 do virus da hepatite B en Galicia “cos intercambios históricos de migrantes con América Latina, e especialmente coa conca do Caribe”, subliñan os responsables desta investigación. Esta sería, polo tanto, a causa de que Galicia sexa un dos territorios con maior prevalencia no mundo deste subxenotipo.

 “Os achados suxiren que esta variante foi introducida en Galicia desde o Caribe e América do Sur polos continuos fluxos migratorios bidireccionais nos últimos dous séculos"

A análise filoxeográfica desta ‘anomalía’ no conxunto do Estado español “suxeriu polo menos dúas introducións distintas de VHB-D4 en Galicia, unha do Caribe e América do Sur, e outra da India”, resolven os autores desta investigación.

“Para obter máis información sobre a orixe deste alto número inesperado de secuencias pertencentes ao VHB-D4 en Galicia, comparamos a relación filoxenética evolutiva entre as secuencias do VHB-D4 dos nosos pacientes e as dispoñibles nas bases de datos públicas que rexistran información xeográfica. Deste xeito, chegamos á conclusión de que varias introducións exitosas de VHB-D4 puideron ter lugar no pasado, con polo menos tres grupos. As 11 secuencias asignadas ao Grupo I estaban máis próximas ás secuencias de Martinica, que poderían ser a orixe do VHB-D4 na rexión do Caribe. As 16 secuencias do Grupo II están moi relacionadas coas secuencias de VHB-D4 da India. As 51 secuencias do Grupo III vinculáronse na súa maioría con América Latina. Dentro deste terceiro grupo pódense identificar dúas ramas, unha relacionada cos países do Caribe (especialmente Cuba e Haití) e outra relacionada con Brasil que probablemente evolucionou posteriormente a partir da rama do Caribe”, detallan.

Como aclaran os expertos e expertas, “durante moito tempo, o VHB-D4 considerouse de orixe africana, sendo particularmente frecuente en países como Ruanda, Somalia, Kenia e Ghana; só se considerou unha variante dominante rara en Polinesia e Micronesia; nos últimos anos, o VHB-D4 foi notificado na India e nalgúns países do Caribe, como Haití e Cuba. En América do Sur, a variante foi reportada especialmente en Brasil. Usando un enfoque filoxeográfico, as nosas secuencias de VHB estaban máis estreitamente relacionadas coas secuencias da India e do Caribe/América do Sur, o que suxire polo menos dúas posibles introducións para o VHB-D4 en Galicia”.

E afondan debuxando a ruta histórica do VHB-D4: “Segundo a historia evolutiva máis recente descrita para o subxenotipo D4 do VHB, tres grupos principais evolucionaron desde África. O primeiro quedou en Tunisia e África subsahariana. Outro produciu epidemias na rexión do Caribe e América do Sur. O terceiro causou focos en Australasia/Oceanía. Entre as secuencias latinoamericanas, Martinica podería ter actuado como a fonte orixinal de variantes de VHB-D4 máis próximas ás africanas. Desde alí, os virus puideron estenderse a outros países do Caribe (é dicir, Cuba e Haití) e, máis recentemente, a América do Sur, incluíndo Brasil, onde só recentemente o VHB-D4 foi observado como unha variante de VHB circulante en crecemento”.

A maioría dos pacientes do estudo coa variante VHB-D4 (o 84%) “era de áreas costeiras de Galicia, onde unha gran proporción de homes foran mariñeiros”

Xa que as secuencias de VHB-D4 analizadas en Galicia coincidían coas de Martinica, “que teñen a orixe máis ancestral” e doutros países do Caribe e de América do Sur, consideran que os seus resultados, “desde o punto de vista virolóxico, reflicten indirectamente o forte vínculo e o continuo fluxo migratorio entre Galicia e América Latina durante os últimos dous séculos”.

“Hipoteticamente, o VHB-D4 podería ter sido importado a Galicia desde as Américas. De feito, Galicia ten vínculos históricos únicos con América Latina, con moitas familias e os seus descendentes que se desprazaron de ida e volta durante os últimos dous séculos”, argúen os autores da investigación. Un dato substancial do estudo tamén é que a maioría dos pacientes con VHB-D4 (o 84%) “era de áreas costeiras de Galicia, onde unha gran proporción de homes foran mariñeiros”, destacan os científicos, que expoñen que “aínda que a vía de adquisición do VHB-D4 era descoñecida en ata o 78,5% destes casos, o 16,8% era compatible coa transmisión intrafamiliar, xa que os individuos infectados eran familiares con estreitos vínculos neste subconxunto de pacientes”.

E conclúen: “Os nosos achados virolóxicos para o VHB-D4 suxiren que esta variante foi introducida orixinalmente en Galicia desde o Caribe e América do Sur. Os continuos fluxos migratorios bidireccionais durante os últimos dous séculos puideron potenciar este asentamento único do virus en Galicia. A implicación de Brasil parece menos probable, xa que alí son máis frecuentes os subxenotipos do VHB distintos do D4, incluído o D3, que non estivo no noso estudo. O recoñecemento das secuencias de VHB-D4 da India e Brasil podería interpretarse como unha direccionalidade predominante de España a Brasil en calquera momento”.

RASTROS DESDE A PREHISTORIA

Recentemente publicáronse os resultados dun estudo internacional no que se rastrexaron, precisamente, os pasos do virus da hepatite B desde a prehistoria ata o presente. O seu título, “Dez milenios de evolución do virus da hepatite B”.

O traballo, liderado polo Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana, en Alemaña, revela as rutas de diseminación e os cambios na diversidade do VHB e, polo tanto, tamén reflicte como foron as migracións humanas e interaccións entre grupos ao longo dos séculos.

Demostrouse que a hepatite B é de orixe zoonótica, ao atoparse as secuencias máis antigas en primates non humanos africanos

O estudo conta que a orixe do virus da hepatite B é zoonótica (pasou de animais a seres humanos), xa que as secuencias máis antigas do VHB foron identificadas en primates non humanos africanos.

Das nove cepas actuais do virus da hepatite B, dúas foron atopadas predominantemente en poboacións humanas de ascendencia nativa americana. As probas mostran que descenden dunha única liñaxe do virus da hepatite B que se separou doutras liñaxes cara ao final do Plistoceno, e foi portado por algúns dos primeiros habitantes de América. Así, os xenotipos actuais da hepatite B descenden dunha cepa que estaba a infectar as primeiras poboacións  euroasiáticas que colonizaron América hai entre 20.000 e 12.000 anos atrás, é dicir, na época na que estas poboacións diverxeron.

Outra aportación substancial do estudo é que demostra que o virus estaba presente en amplas zonas de Europa hai xa 10.000 anos, antes de que se estendese a agricultura no continente, afectando ás poboacións prehistóricas de cazadores e recolectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta