Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 20:30
O rock galego volve ao Milladoiro o próximo venres, 5 de agosto, coa décimo primeira edición do Millarock. Nesta ocasión, subiranse ao escenario os grupos Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai. Organizado polo Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. A décimo primeira edición volve con aforo ilimitado e entrada libre e de balde.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este luns a presentación do festival. Nela, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, aproveitou para louvar o espírito do Millarock. “Levamos seis anos apostando de forma continuada por este festival e eu creo que é totalmente necesario porque trae ao noso concello rock en galego, grupos locais e grupos en feminino. Once anos despois o Millarock segue fiel ao seu estilo”.
Na mesma liña, a técnica de Cultura, María Vázquez, destacou que o Millarock é un festival consolidado e concretou que este ano, tralas edicións marcadas pola pandemia, "non hai que retirar entradas nin hai ningún tipo de aforo. A entrada é libre e de balde". No acto tamén estivo presente Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas e os representantes de dous dos grupos que conforman o cartel: Ángela Vila, de Chicharrón, e Samuel González, unha das voces de The Rapants.
O Milladoiro converterase un ano máis en punto de encontro para as persoas amantes do rock cun cartel conformado por Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai. The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. Battosai, pola súa banda, son Héctor, Nolo e Gus, que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo.
Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock an roll feito en galego. Por último, Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014 e está formada por Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén ao teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería. Destacan por un estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.