Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 11:39
A Xunta asegurou que a reforma do estatuto marco para o persoal do sistema nacional de saúde que acoutará a temporalidade entre estes profesionais "non é máis" que unha "adaptación técnica" para cumprir coas esixencias da Unión Europea.
Así o remarcou a Consellería de Sanidade nun comunicado emitido este martes, xornada na que o Consello de Ministros deu luz verde a esta reforma, coa que prevé estabilizar a situación de 67.000 profesionais da sanidade que, nestes momentos, non teñen praza fixa.
A Xunta incide en que o Goberno tiña o "mandato legal de adaptar nun prazo dun ano a normativa do persoal estatutaria e equivalente dos servizos de saúde ás reformas introducidas no Estatuto Básico do Empregado Público".
Para Galicia, esta reforma é "unha oportunidade perdida" para levar a cabo "unha reforma máis profunda e necesaria" desta normativa "por exemplo, para incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura, unha reforma que se acordou por unanimidade no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de 28 de abril de 2018 e que segue pendente".
Ademais, tamén bota en falta que se incorporen as propostas orientadas a "axilizar o sistema de selección do persoal médico" que, segundo a Xunta, foron acordadas na Comisión para a Reconstrución Social e Económica constituída no Congreso dos Deputados por mor da pandemia.
Así as cousas, o Goberno galego repasa no comunicado os procesos de oferta de emprego público que están en marcha e que, di, permitirán reducir a taxa de temporalidade no Servizo Galego de Saúde (Sergas) por baixo do 4%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.