Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 14:39
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reiterou a súa petición á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) de que poña a disposición da administración local vivendas para "dinamizar o aluguer social". "Sempre tivemos unha resposta negativa por parte da sociedade", sentenciou e afirma "ter coñecemento de que si dispoñen de vivendas".
A rexedora solicitou, ademais, que a Sareb comunique "exactamente, en que zona se atopan, cal é a súa ocupación e se necesitan reforma". Rey fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa que ofreceu este mércores con posterioridade á Xunta de Goberno para informar os asuntos tratados na mesma.
OUTROS ASUNTOS
A cuestións sobre as críticas vertidas polo PP e Marea Atlántica sobre a falta de concreción da concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, respecto a data de licitación da concesión da planta de residuos de Nostián, a alcaldesa asegurou que non pode dar "un día concreto" pero o obxectivo é licitalo "no actual mandato". "Será con todas as garantías, tendo en conta que é o contrato máis longo e de maior importe dos que ten o Concello", puntualizou.
Preguntada tamén sobre a candidatura presentada a semana pasada por Miguel Lorenzo a presidir o PP local e a súa aspiración a ser alcalde da cidade herculina, a rexedora indicou que se alegra "moito" de que o PP "vaia resolvendo a súa situación de interinidade". "Fáltanos por coñecer o seu modelo de cidade", apostilou.
XUNTA DE GOBERNO
Por outra banda, Inés Rey anunciou que na Xunta de Goberno se aprobou a licitación das obras para o acondicionamento das naves de Metrosidero cun orzamento de máis de 600.000 euros. Destacou, ademais, os "avances municipais" para regularizar a situación dos "esqueletos" de formigón da cidade, como a licenza outorgada para a construción dun destes edificios no parque de Vioño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.