Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 14:51
Elvira Domínguez tomou posesión este mércores como nova delegada da Xunta en Uruguai, un nomeamento que renova o compromiso do Goberno galego coa atención á diáspora e a súa misión de "reforzar" a súa presenza en América.
Así o explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto celebrado na sede da Secretaría Xeral da Emigración, na compostelá Praza de Fonseca, ao que asistiron tamén o titular deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, entre outros.
"Galicia e Uruguai temos moitas oportunidades", subliñou Rueda, quen por iso destacou a importancia de que Galicia teña representación de maneira permanente neste país: "O camiño é modernizar as relacións entre dúas terras que teñen tanto que ver". Neste contexto, insistiu en que Galicia está disposta a apostar por Uruguai para compartir alí todo o seu potencial empresarial. Do mesmo xeito, Rueda expresou que Galicia ten as "portas abertas" para todos aquelas persoas do país latinoamericano.
O presidente da Xunta tamén garantiu a atención dos "que queren seguir continuando vivindo no país de acollida" e de toda a poboación galega emigrada a América que "queira retornar". Un coidado que tamén estendeu á xente nova, da que destacou como volve a Galicia para formarse a través de másteres con axudas da Administración autonómica.
Elvira Domínguez foi a primeira presidenta da Asociación de Empresarios Galegos en Uruguai en 2017. A Xunta destaca dela que cumpre cos dous requisitos esixidos para ser o seu representante: é "respectada no seu país" e conta "con sentimentos de galeguidade potentes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.