Os posibles interesados en El Correo Gallego, salpicados por casos xudiciais

El Correo Gallego está en fase de liquidación, pero asociada a unha oferta de compra que terá que valorar o xulgado. Entre as ofertas máis destacadas están as de Blecua Capital e Acca Media. Pero, quen está detrás destas dúas sociedades relacionadas xa con casos xudiciais en curso?.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña declaraba a finais do pasado mes en concurso voluntario de acredores á entidade Editorial Compostela S.A., editora de El Correo Gallego, ao acreditar o seu estado actual de insolvencia. No auto, facíase constar que a entidade solicitante achega unha proposta escrita vinculante de adquisición da unidade produtiva en funcionamento.  Isto é, que, unha vez libre de cargas, e dependendo da decisión do xulgado, a cabeceira e a plantilla poderían quedar en mans dunha nova empresa.

José Ramón García, cando dirixía Blusens
José Ramón García, cando dirixía Blusens | Fonte: economidades.com

Desde entón, foron varios os empresarios que amosaron o seu interese por facerse coa marca do xornal ao mellor prezo posible. Uns empresarios que, nalgúns casos, tiveron ou teñen casos xudiciais pendentes por negocios empresariais fallidos. Entre eles están José Ramón García, o ex dono de Blusens, e Luis Enrique Dueñas, os dous moi coñecidos por montar e desmontar ao longo dos anos diferentes sociedades.

LUIS ENRIQUE DUEÑAS

Luis Enrique Dueñas, empresario madrileño, é dono de Blecua Capital, a empresa interesada en adquirir o que quede da histórica cabeceira compostelán. Dueñas tamén ten participacións en 26 sociedades diferentes e, ademais, é presidente de Mercadeuda, dedicada á compra de dereitos de cobro de empresas que se atopan en liquidación.

Este empresario está salpicado por temas xudiciais. O seu nome aparece en multitude de ocasións no sumario da Operación Titella, que investiga unha suposta macroestafa que pivota ao redor da figura de José Luís Moreno.

A Garda Civil recolle nese sumario que Dueñas "colabora con Moreno á hora de conseguir financiamento tanto a través de entidades bancarias como a través de investidores privados".  Pero mesmo vai máis aló ao atribuír a este empresario o papel de "salvagarda das propiedades de Moreno, utilizando sociedades instrumentais a nome de terceiros, para ostentar a titularidade dos devanditos bens, evitando así posibles e futuros embargos".

JOSÉ RAMÓN GARCÍA

Outro dos interesados en adquirir a cabeceira de El Correo Gallego é o empresario compostelán José Ramón García a través da sociedade Acca Media. De feito, o seu nome estivo xa nos intensos rumores de venda do xornal no verán de 2020. Ademais de García, estaban interesados nesta histórica cabeceira dous empresarios, Carlos Orozco e Carlos Alfonsín Martín. Este último, condenado en 2003 por estafa e falsidade documental.

Os rumores desatados hai dous anos vinculaban ao ex dono de Blusens con El Correo Gallego xa que a Acca Media está domiciliada desde o 2019 no número 10 de la calle Polonia, no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela. A mesma ubicación á que se trasladou El Correo Gallego en 2017, tras abandonar a súa histórica sede en O Preguntorio, no centro do casco vello de Compostela.

Pero José Ramón García tamén está involucrado en asuntos penais. O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretaba o pasado novembro a apertura de xuízo oral contra o fundador de Blusens e outros oito acusados por un delito contra a propiedade intelectual polo caso do seu receptor que facilitaba o acceso a contido 'pirata'.

A Fiscalía pide un ano de cárcere e unha multa de máis de 3.200 euros --nove meses con cota de 12 euros ao día-- para o fundador de Blusens, a mesma petición que reclama para outros catro acusados. Ademais, para os catro restantes encasuados, o Ministerio público rebaixa a pena de cárcere a nove meses pero mantén a mesma solicitude de multa.

En concepto de responsabilidade civil, os acusados, tanto persoas físicas como xurídicas, deberán facer fronte a unha indemnización de 1,2 millónsA mesma contía que a Fiscalía pide que se lle impoña como multa polo beneficio obtido ás persoas xurídicas ('Blusens Technology, S.L', 'Magna Technology, S.L', 'Amazing Store Investiments', 'Moonoff, S.L', e 'Tendeus, S.L'). Ademais, para elas tamén reclama a prohibición de realizar, no prazo de cinco anos, actividades en cuxo exercicio se cometeron os delitos antes indicados.

Pola súa banda, as acusacións particulares, que exercen representantes legais das empresas prexudicadas, centran as súas acusacións no fundador de Blusens e outros catro acusados, mentres que non proseguen as súas actuacións contra as outras catro persoas contempladas pola Fiscalía.

VISUALIZA BUSSINES

Tras o fiasco de Bulsens, García renaceu con Visualiza Business, un holding que desde Santiago impulsa a vinte iniciativas empresariais cuxo obxectivo principal é a creación de proxectos, fundamentalmente en ámbitos tecnolóxicos, tales como a telefonía, a iluminación LED, a electrónica de consumo, o comercio electrónico, entre outros. Totaliza facturacións acumuladas superiores aos 500 millóns de euros.

"A maioría dos meus negocios son tecnolóxicos e saímos reforzados como en Cocomm, que fabrica teléfonos fixos de sobremesa cunha SIM de móbil e é perfecto para a xente que tivese que saír da oficina e levar o seu computador e o teléfono para a súa casa e facer o seu traballo",  apuntaba José Ramón García nun encontro virtual da Asociación para o Progreso na Dirección (APD) en 2020 ao recoñecer que dita empresa bateu cifras de negocio en 2020.

NEGOCIO SANITARIO

Outro dos negocios do empresario compostelán foi o sanitario, especialmente, durante a pandemia. Tras 25 anos de negocios comerciais con China --de feito boa parte dos dispositivos de Blusens tiñan vinculación con este pais--, tamén aproveitou esta relación para traer máis de 35 millóns de máscaras en mes e medio en plena plandemia. Un nova aventura empresarial que lle serviu para evitar unha ERTE a algúns dos seus empregados e como el mesmo confirmaba, abonar "pagas extraordinarias por exceso de traballo".

"Todos os sectores van estar cambiando, e isto non é malo, é bo, porque para aquela xente que é inqueda e quere aprender, nunca tantas oportunidades estiveron presentes como agora", indicaba José Ramón García nese encontro virtual sobre as posibilidades de negocio que abriu a pandemia.

"Pero a cuestión é saber ser capaces de transformar os negocios. Niso o importante é a innovación, que reside no ADN do emprendedor... topar o negocio é complicado, e débese ser o primeiro, xa que ou o fas ou o fará outro", indicaba e tamén advertía da súa filosofía de traballo, algo que podería poñer en marcha en El Correo Gallego se, finalmente, se fai con esta cabeceira e os seus traballadores.  "O persoal dos nosos proxectos debe estar máis inquieto e áxil que nunca, ter compromiso para traballar e achegar valor", indicaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Lembramos a aventura do Xornal de Galicia comandada polo empresario Jacinto Rey que lle costou a vida a Vieiros e de todo aquilo nunca máis se soubo nada de nada... (?) Agora basta que o capitalista de Visualiza Business faga unha oferta ao PSOE para a campaña de 2023 e seguro que todos os casos quedarán sobreseidos e o Correo Gallego será o órgano de difusión ao servizo de Bugallo & Formoso & e a alcaldesa da Coruña ! Cartos seguro que sobran para quen se poña aos pés dos cabalos !

1 Felipe Ordes

O que acabou con Vieiros foi unha estafa interna moi ben tapada. Non o Xornal de Galicia