Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2022 | Actualizada ás 16:17
A CIG e o comité de empresa de Ambulancias Civera pediron á Fiscalía que investigue a xestión do transporte sanitario na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés xa que entenden que "non se pode permitir que haxa mortos ou xente grave por falta de organización e por falta dalgunha ambulancia".
O responsable de transportes do sindicato CIG, Xabier Aboi, referiuse a casos ocorridos nas últimas semanas como o dunha nena de 12 meses con traumatismo cranioencefálico grave que estivo a esperar unha hora por un traslado e un octoxenario que agardou 20 horas en Sanxenxo pola ambulancia. Ademais, sinalou que outro paciente faleceu despois de esperar 45 minutos e que unha moza de 21 anos con covid "morreu porque non había unha medicalizada en Vilagarcía".
"O que está a pasar coas ambulancias é o mesmo que está a pasar cos centros de saúde ou cos hospitais", sinalou Aboi, que acusa á Xerencia da área sanitaria e á Consellería de Sanidade de estar a levar a cabo unha "privatización salvaxe da Sanidade".
Xabier Aboi criticou que "para tapar a súa propia incompetencia" o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, "amenta" para "lavarlle a cara á empresa". En concreto, Ambulancias Civera é, desde abril de 2021, a concesionaria do servizo de transporte sanitario non urxente e do hospitalario urxente.
José Ramón Gómez apuntara entre as "melloras" implementadas pola concesionaria estaba o aumento das ambulancias medicalizadas, que pasaron de dúas a tres, cifrando en 38 o total de vehículos e engadindo tamén o aumento do persoal ata os 81 traballadores, 14 máis.
Pola súa banda, Xabier Aboi sostén que antes había máis ambulancias, un total de 45, e que estaban "mellor organizadas" xa que o sistema utilizado por esta empresa valenciana "é un desastre, porque llo permitiron".
A CIG reiterou a súa petición de cesamento de toda a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés ao considerar que "a única solución que hai aquí é cesar a todo o equipo directivo" e pide ao Sergas que actúe xa que "o problema é quen permite que haxa este caos" que leva a que 190 ambulancias estivesen inoperativas ao longo do seis últimos meses.
"Se houbese vergoña na Fiscalía de Pontevedra, no canto de dedicarse a correr polas beiras do Lérez co presidente da Xunta, que investigue o que está a pasar", dixo Xabier Aboi que reitera a súa petición para que se inspeccione esta situación, a pesar de que "non nos vai a facer caso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.