Arde Galicia: 3.600 hectáreas queimadas, dez os concellos afectados e alertas por proximidade a casas

O lume que afecta a Carballeda de Valdeorras, lonxe de núcleos habitados, pasa de 400 a 800 hectáreas arrasadas.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 16/07/2022 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A onda de calor, con temperaturas extremas, e as treboadas con raios rexistradas na noite do xoves ao venres recrudeceron os incendios forestais en Galicia, onde os lumes máis grandes en ao redor dunha decena de municipios deixan xa esta semana, segundo as estimacións provisionais, máis de 3.600 hectáreas arrasadas.

A situación máis preocupante segue dándose en Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, na provincia de Lugo, onde se mantén a alerta activa por proximidade do lume a núcleos habitados. O maior avance en superficie nas últimas horas produciuse no lume de Carballeda de Valdeorras, que pasou de 400 a 800 hectáreas arrasadas, aínda que nunha zona de monte raso e lonxe de casas.

Con todo, na Pobra do Brollón, segue decretada como medida preventiva a 'situación 2' no incendio rexistrado na parroquia de Saa, aínda que Medio Rural informou na pasada xornada de que o perigo no núcleo de Busto remitira.

Este incendio permanece activo desde as 20,37 horas deste xoves e afecta a unha superficie provisional de 550 hectáreas --50 máis que no parte anterior de Medio Rural--. Ata o momento mobilizáronse para o seu control 2 técnicos, 9 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.

TRES INCENDIOS EN FOLGOSO, DOUS PRETO DE CASAS

Tamén en Folgoso do Courel segue decretada a alerta por proximidade a núcleo habitado no incendio rexistrado na parroquia de Seceda, que se iniciou ás 1,40 horas do venres, e que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de 700 hectáreas.

O lume está próximo ao núcleo de Gamiz, na parroquia de Santalla, situada en Samos, municipio limítrofe. Neste incendio traballan un total de 8 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas, 2 avións e 2 helicóptero. Tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Tamén a alerta segue decretada no incendio que, na parroquia de Vilamor, tamén en Folgoso, onde as chamas están preto do núcleo de Carballal. Este incendio empezou ás 20,42 horas deste xoves e mantense en 300 hectáreas queimadas, segundo as estimacións provisionais. Combaten as chamas 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Outro lume, o terceiro de Folgoso, permanece activo en Vilamor. Empezou ás 20,25 horas deste xoves e, segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 250 hectáreas. No seu control traballaron ata o momento 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.

OUTROS TRES LUMES EN QUIROGA

Tamén na provincia de Lugo, en Quiroga, permanece activo desde as 20,29 horas deste xoves un incendio na parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 250 hectáreas --50 máis que no parte anterior de Medio Rural--. Para o seu control mobilizáronse 2 técnicos, 12 axentes, 11 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 4 avións.

Activo desde as 11,42 horas deste venres, tamén en Quiroga, hai outro lume, na parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas. Combatérono 2 axente, 4 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.

E desde as 12,42 horas deste venres segue activo o terceiro lume de Quiroga, que afecta a 90 hectáreas como superficie provisional --20 máis que no último parte--. Para o seu control mobilizáronse ata agora 2 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 2 avións.

800 HECTÁREAS EN CARBALLEDA DE VALDEORRAS

Na provincia de Ourense, segue activo desde as 6,57 horas deste venres un lume en Vilariño de Conso, na parroquia de Pradoalbar. Afecta a unhas 95 hectáreas no Parque Natural do Invernadeiro --55 máis que no anterior parte de Medio Rural--. No seu control traballaron ata agora 1 técnico, 3 axentes, 16 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.

E en Carballeda de Valdeorras permanece activo desde as 22,09 deste xoves o incendio rexistrado na parroquia de Riodolas, que afecta a 800 hectáreas --400 máis que no anterior parte da Xunta--. Aínda que a superficie queimada é extensa, arde monte raso e non afecta a vivendas.

No seu control, participaron 3 técnicos, 10 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 2 avións e 3 helicópteros.

CONTROLADO O LUME DE RODEIRO

E Medio Rural informa no seu último parte de que o incendio en Rodeiro, que empezou ás 20,56 horas do xoves na parroquia de Guillar e queimou 200 hectáreas de superficie, quedou controlado ás 2,42 horas da pasada madrugada. Nel traballaron 2 técnicos, 9 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, 3 pas e 2 helicópteros.

OUTROS ESTABILIZADOS, BAIXO CONTROL E EXTINGUIDOS

Extinguido quedou ás 00,53 horas un incendio rexistrado ás 00,39 horas do venres en Baiona, que obrigou a desaloxar oito vivendas. Rexistrado na parroquia de Baredo, afectou a 46 hectáreas arboredos.

Así mesmo, en Cualedro, quedou extinguido a última hora da pasada xornada o incendio da parroquia da Xironda que empezou ás 19,03 horas deste xoves. Finalmente, afectou a 31 hectáreas de monte raso.

En canto aos incendios rexistrados nos primeiros días desta onda de calor, os medios tamén avanzan na súa extinción. En concreto, en xornadas pasadas, activaranse dous incendios na parroquia de Quins, en Melón --onde un quedou extinguido o pasado xoves-- e Ribadavia, en Ourense, que queimaron en total unhas 150 hectáreas.

O extinguido afectou a unhas 35 hectáreas, e o outro lume en Melón, que xa segue controlado, a unhas 50. Mentres, a superficie provisional queimada no de Ribadavia, que se rexistrou ás 22,11 horas do pasado luns e permanece estabilizado, é de 65 hectáreas.

MEDIO CENTO DE RAIOS

O femónemo meteorolóxico rexistrado en Galicia, chamado sistema convectivo de mesoescala, "unha gran treboada que afecta a unha gran área xeográfica", deixou un total de 52 incendios provocados por raios entre as 20,00 horas do xoves e as 8,00 horas do venres.

Nese marco temporal, houbo catro horas na que se produciron a maioría dos incendios, 41 lumes, entre as 20,00 horas do xoves e a medianoite. Os datos proporcionounos este venres o conselleiro do Medio Rural, José González, que se desprazou á Pobra do Brollón. Nesta localidade foron evacuados tamén, de forma preventiva, 40 mozos dun campamento.

Un helicóptero sobrevoa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo, Galicia / Carlos Castro - Europa Press / Europa Press
Un helicóptero sobrevoa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo, Galicia / Carlos Castro - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta