Unha ecomarcha ciclista lembra na Torre de Hércules o desastre do Mar Exeo

O día 3 de decembro de 1992, un petroleiro partiu pola metade na costa da Coruña e liberou ao aire case 50.000 toneladas de petróleo nunha nube tóxica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2022 | Actualizada ás 21:39

Comparte esta noticia

A Ecomarcha ciclista organizada por Ecoloxistas en Acción concentrouse este martes diante da Torre de Hércules na Coruña para rememorar a catástrofe do petroleiro Mar Exeo, que fai o seu trinta aniversario a finais deste ano. Dende Ecoloxistas en Acción denuncian que, sen unha reducción drástica da dependencia do petroleo, "en calquera momento pode volver repetirse unha catástrofe coma a que tinguiu de negro os ceos e mares de A Coruña". 

Ecomarcha de Ecoloxistas en Acción para rememorar a traxedia do Mar Exeo
Ecomarcha de Ecoloxistas en Acción para rememorar a traxedia do Mar Exeo | Fonte: remitida

O día 3 de decembro de 1992 o temporal arreciaba duramente na Coruña, como fai a miúdo no inverno. Ese día o petroleiro “Mar Exeo” esperaba quenda para entrar no porto con destino á refinaría propiedade de Repsol. Debido ao temporal o barco quedou sen radares nin visión ningunha, perdeu o control, e antes de que ninguén puidese facer nada quedou atascado aos pés da Torre de Hércules.

Partido pola metade polo seu propio peso, ferido de morte, comezou a arder as 10 da mañá e liberou ao aire case 50.000 toneladas de petróleo nunha nube tóxica. O día tornou en noite cando o negro fume tapou o sol, e 300 familias do barrio de Adormideras tiveron que ser desaloxadas dos seus fogares pola súa exposición aos gases tóxicos.

Do resto da carga, 15.000 toneladas de petróleo, vertéronse ao mar e afectaron toda a ría de Coruña, a ría de Ares, Betanzos e Ferrol. No conxunto, o aceite percorreu 300 km de costa e repercutiu directamente na economía pesqueira e mariñeira. Uns 26.000 animais foron atopados mortos. Ante a magnitude do desastre a veciñanza pedía que se declarase A Coruña zona catastrófica, e entre eles nacería a frase que daría voz ao pobo 10 anos máis tarde: "Nunca Máis!". 

"Cómpre recordar que esa non foi a primeira vez que as nosas costas se tinguiron de negro, e tristemente, tampouco foi a última. O Policommander, Urquiola, Andros Patria, Casón e Prestige son días negros na nosa historia. Actualmente, o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte as costas galegas, uns 40.000 barcos anuais, e 1 de cada 3 (38 ao día) transportan mercadorías perigosas".

A organización ecoloxista sinala que para evitar outra catástrofe se deben mellorar as medidas de seguridade nos portos galegos, os sistemas anticontaminación, os sistemas de predicción das mareas, a coordinación dos medios operativos permanentes, a vixilancia marítima e aumentar a cantidade e calidade das inspecións aos buques. Mais alertan de que "todas estas medidas serán inutiles se non reducimos a nosa excesiva dependencia do petróleo". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta