Beiras fai outro tanto neste novo título, recollendo un feixe de textos nos que fai a súa persoal sembranza ou evocación de persoas coas que tivo trato de amizade, ou camaradaxe, ou relación dalgún xeito discipular no decurso da súa vida. Foron escritos, como ben di no limiar, “ao longo dos anos desde hai máis de catro decenios”.
O novo libro de Beiras dedica un capítulo a recordar como nos coñecemos. Titúlao “Instantanea en Polaroid con “Pepiño Teis” cando novo”. A lectura do texto evocou vellas lembranzas dos meus días iniciáticos no galeguismo. Foi nos comezos da década dos anos sesenta, cando chega a Vigo Xaime Seixas Subirá, un xesuita absolutamente atípico no seu tempo e lugar, nacionalista galego e adepto á teoloxía da liberación. Por entón coñecíno casualmente cando lle axudei a misar nunha das capelas que os xesuitas tiñan non Colexio Apóstolo de Santiago en Teis, a miña parroquia, para uso exclusivo dos “cregos transeuntes”, como así lles chamaban aos que estaban de paso en Vigo. Alí estabamos os dous, o oficiante e o monaguillo, e ninguén máis. Quedei sorprendido cando empezou a misar en galego e a facer unha louva do nacionalismo basco, que daquela dedicábase a guindar torretas da rede de televisión, que rematou cun Gora Euskadi!. Aquela foi unha misa galega clandestina. Porque a primeira pública foi en San Domingos de Bonaval o 25 de xullo de 1965, na que tamén participei como acólito.
O P. Seixas era un ser excepcional. No relixioso era un panteista, inimigo da doutrina oficial da Igrexa. Non cría no dogma da “trinidade”, que segundo el era unha formulación teolóxica absurda.A infabilidade papal deostábaa, porque vivíu desde dentro da Igrexa como as xerarquía estiveran historicamente do lado dos poderosos. E o seu galeguismo ideolóxico, obreirista, era arredista, independentista. Del recibín os primeiros textos políticos do galeguismo da preguerra, e mesmo os “Dez puntos” da UPG, organización recentemente constituida, merecente da súa admiración.
Tiña entón eu un grupo de amigos que estudaramos xuntos sobre os que exercía certo liderato. O asunto foi que Beiras, que daquela dirixía en Vigo a Revista de Economía de Galicia, recibíu de Seixas o encargo de darnos un seminario de formación no eido da economía. Non sei os demais, pero eu tireille moito proveito a aquelas ensinanzas tendo como aula a recén creada Fundación Penzol. Ao tempo, recibía envíos períodicos durante varios anos paquetes con dúcias de libros de teoría marxista e sobre os movementos de liberación nacional, que chegaban ao Consulado de Cuba en Vigo a través da valixa diplomática da Embaixada a meu nome enviados por Neira Vilas. Con aquel aquel bagaxe de coñecementos cheguei a ter un papel decisivo no deseño organizativo da UPG e a xa coñecida, por divulgada, influenza no nacionalismo galego.
Ao tempo, o meu nacionalismo íase consolidando nos parladoiros celebrados na rebotica de Domingo del Riego, na rúa do Príncipe, no grupo cultural “O Castro”, no novo edificio que os xesuitas construiran no centro da cidade, a Asociación Cultural de Vigo, da que fun secretario executivo, e a propia Fundación Penzol que utilizabamos para formarnos no coñecemento de Galicia os sábados domingos e feirados. Durante un tempo tiven a chave daquelas instalacións, ata que Xaime Illa tivo información de que o grupo profesoral ampliaramolo sen o seu consentemento, retirrándome a chave.
Por aquela altura eu ingreso na UPG, como único cadro de orixe obreira. Beiras recórdao así no capítulo do libro que comento: “E é mesmamente nesa etapa cando eu vou ter trato máis estreito e frecuente co Pepe González na actividade política: especialmente no decurso das sesións de traballo e debate do CFPG (Consello das Forzas Políticas Galegas) -até o “golpe dos coroneis” na U e a subseguinte voadura do Consello. Nese traxecto vital de escasos dous lustros, o rapaz inquedo, febrilmente curioso e famento de saber que era o Pepe dos encontros na Penzol, tornarase nun mozo activista, de enerxía ao parecer inesgotábel, e nun formidable polemista, adversario temíbel nas confrontacións dialécticas que tiñan lugar no CFPG – que, porén, no plano persoal non avolvía o limpo fluixo da fraternal relación que mantiñamos entre il e máis eu”.
Efectivamente, como di el, logo virían os despropósitos ideolóxicos protagonizados polos que eu denominei como os mediocres e indixentes intelectuais. O seu gran teórico, Pedro Luaces, acabou militando nun partido de dereitas, sen que os seus discípulos e subordinados políticos endexamais abominasen de teren elixido un dirixente de tales características ideolóxicas, e doutras paveras peculiaridades. “A ti mirareite militar nun partido de dereitas estatalísta”, acusárao eu nunha polémina reunión orgánica. “O que acabas de dicir é moi grave, explícate”, esixíronmo todos, formando coro. É unha intuición, aclareilles. “ A intuición non é marxista”, responderon coléricos.
Coñecer a Xosé Manuel Beiras, un intelectual de compromiso co país e excepcional calidade humana, foi unha regalía que me fixo a vida, así como mantermos esa amizade que segue viva.