Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/07/2022 | Actualizada ás 22:00
Os efectivos de loita contra os lumes non dan máis de si. Están "cansos", "exhaustos" e "moi cabreados". Cabreados porque reciben a ira da xente cando acoden a apagar lumes e cabreados porque os mandos, os políticos que os dirixen "non teñen nin puta idea". "E ao final, a xente que o está perdendo todo pois nos responsabiliza a nós", queixase, con razón, un bombeiro dun parque comarcal de Ourense.
"A coordinación é un desastre. Cando se mediatiza o tema e sae en todos os medios de comunicación pois mandan a xente a todos os lados para aparentar, e, ao final, todo é peor", critica en declaracións a Galicia Confidencial. "Agora o tema é 'como quedamos nós' e por iso acaban gobernando os gabinete de comunicación. É todo un tema de marketing", denuncia.
Un axente forestal cunha longa traxectoria na loita contra os incendios vai máis ao allo. "Ata 20 hectáreas mando eu, de 20 hectáras para arriba mandan os políticos". Unha frase na que resume o caos no que se están convertendo os grandes lumes que queiman Galicia, cinco deles, de máis de 1.000 hectáreas.
DOCE HORAS "SEN FACER NADA"
"Eu estiven doce horas dando voltas, sen facer nada... Antes en 12 horas apagabamos dous lumes e agora pois vas dun lado para outro sen facer nada pola desorganización que hai", di o bombeiro. De feito, corrobora o que xa sinalaron outros compañeiros. Mandan aos incendios medios de toda Galicia que descoñecen estradas e camiños. "Non saben por onde andan. Hai brigadas que chegan a puntos que non fan falla, mentres que son necesarios noutros", asegura aludindo a descoordinación que existe.
De feito, Galicia Confidencial facíase eco este mércores das críticas da veciñanza do Courel que denunciaba que camións do Exército envorcaran por meterse en camiños inadecuados, a pesar de ser advertidos diso.
Estes profesionais da loita contra o lume entenden a xenreira da xente cando chegan a apagar os lumes porque, quizais, xa lle ardeu a casa ou un alpendre, e non puideron facer nada. "Hai pobos cercados polo lume. A xente chama ao 112 e non lle collen porque está colapsado. E a xente cágase na puta que nos pariu", apunta.
"Todo é un desastre. Ata o lume mete medo e arde moito. Cambiaron os lumes tamén. Hai 20 anos era o lume máis pequeno e o dispositivo máis orgnizado e agora o lume é máis grande e o dispositivo máis desorganizado", critica o bombeiro ourensán.
SISTEMA "COLAPSADO"
Tamén Roi Bañón, bombeiro forestal condutor de motobomba e vogal por Pontevedra de ATRIFOGA, di que "fisicamente non podes máis". "Ademais, cando o dispositivo colapsa e hai descrontrol é bastante difícil xestionar o avituallamento... Hai sitios onde non se está dando por descoordinación e porque o sistema está colapsado", indicaba en declaracións a GC.
Ademais, están exhaustos. Teñen oito horas de traballo prolongables a 12 en caso de incendio, pero agora mesmo hai xente que está traballando ata 16 horas no lume."Iso non se pode tolerar porque o corpo non pode máis unha vez que chega ás doce horas de traballo nun incendio", asegura.
Por iso insiste na "profesionalización" dun sector que só traballa seis meses ao ano e mellorar o sistema de vilixancia. A Xunta de Feijóo fixo nos últimos anos un programa bastante importante no que despregou unha chea de cámaras de vixilancia, pero pechou moitas casetas e agora eles dependen moito da xente que dea avisos e lles facilite información.
RESPOSTA DA XUNTA
Pola súa banda, a resposta da Xunta á vaga de lumes foi en forma de decreto paraugas cun paquete de axudas aos cidadáns que sufriron a vaga de incendios, co foco, en primeiro termo, en quen viron destruídas ou moi danadas as súas vivendas.
Aínda que o detalle se coñecerá en próximos días --as convocatorias previsiblemente estarán listas para a reunión do Goberno do próximo xoves--, Rueda avanzou que a Xunta estará en condicións de cubrir o 100% do custo de reconstruír as vivendas afectadas polo lume ata 122.000 euros se son primeira residencia.
Se o inmoble destruído é unha segunda vivenda, o máximo que se cubrirá ascenderá a 61.200. Estas axudas serán compatibles cos seguros de fogar e subvencións que poidan pór en marcha outras administracións --os concellos de Valdeorras máis afectados, por exemplo, solicitarán ao Goberno a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil, a antiga zona catastrófica--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.