Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2022 | Actualizada ás 19:44
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou á Xunta a que retire os "excesivos requisitos" impostos polo Executivo autonómico para a contratación de socorristas por parte dos concellos con zonas de baño de Galicia, que "xeran desprotección e poñen en risco vidas humanas".
Formoso fixo estas declaracións nunha visita este xoves ao Grove, onde se reuniu co alcalde, José Cacabelos,; co presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; e outros alcaldes e portavoces municipais de localidades implicadas, para abordar as causas do déficit de socorristas.
Para Formoso, o cambio normativo realizado hai dous anos polo Goberno galego para homologar as titulacións de socorristas "xera desprotección" nas praias galegas. "Hai 78 concellos de Galicia co persoal de socorrismo reducido e moitas praias non poden ofertar un servizo esencial", asegurou.
Esta falta de profesionais, insistiu, leva un risco para a vida das persoas. Ao fío desta afirmación lembrou que xa faleceu un home en Barreiros, na Mariña, "nunha praia sen socorrista". Critica ademais á Xunta por "deixamento" nas súas funcións e por "responsabilizar constantemente" a terceiros --os concellos, neste caso--, dos problemas derivados da súa xestión.
"Se non teñen capacidade nin ilusión para xestionar Galicia, que deixen a formacións como o PSdeG, que conta con experiencia de xestión, ilusión e respecto polo país", concluíu o secretario xeral.
PIDEN Á XUNTA QUE RECTIFIQUE
Alberto Varela, pola súa banda, pediu á Administración autonómica que "rectifique o erro" e esixiulle que lexisle en colaboración cos concellos, que son os que teñen que aplicar a normativa de contratación. O rexedor do Grove, que non completou a contratación prevista de socorristas, aseverou que os municipios enfrontan "dificultades" para ofrecer o servizo que "as praias, turistas e veciños requiren". "A normativa da Xunta vai en contra de mellorar este servizo básico para o turismo en Galicia", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.