Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2022 | Actualizada ás 11:18
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a orde que convoca 78 prazas para os corpos de Policía Local de 15 concellos galegos. De todas elas, 60 son por oposición libre e os 18 restantes, de mobilidade, é dicir, destinadas a axentes que queren cambiar de destino mediante un sistema de concurso e de baremo de méritos.
O prazo para inscribirse neste proceso, convocado pola Xunta a través da Academia Galega da Administración Pública (Agasp), será de 20 días hábiles á contar desde o día seguinte a que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE).
De todas as 60 prazas ofertadas por oposición libre --calquera persoa pode participar--, 20 son para a Policía Local da Coruña e outras 18, para Vigo. Seguen a estes concellos o de Sada, con tres, e os de Malpica de Bergantiños e Brión, con dous cada unha. Así mesmo, ofertan unha praza de acceso libre A Guarda, Caldas de Reis, Carballo, Marín, Noia, Oroso, Outes e Ribadeo.
No que respecta ás 18 de mobilidade, hai oito para Vigo, cinco para A Coruña, dous para Carballo e unha para Carballo, Guitiriz e Ordes, respectivamente.
A oposición contará con cinco exercicios: un test de coñecemento sobre o temario publicado, proba de galego --salvo para persoas exentas--, probas físicas, psicotécnico e un recoñecemento médico. Unha vez concluído este proceso, comezará o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local desta Academia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.